Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

La Bella Otero

Breve reseña sobre a súa vida

Nunca pensou aquela nena, nacida o 4 de novembro de 1868 en Ponte Valga, que chegaría a ser unha figura tan relevante dentro do panorama artístico dos séculos XIX e XX.

Dende moi pequena deu mostras da súa arte, xa con catorce anos traballaba como bailarina en Lisboa e mais tarde trasládase a Barcelona onde traballou no Palacio de Cristal. Paralelamente entra en contacto coa alta sociedade da época e coñece a artistas como Gaudí, quen comentaba que as curvas da Bella Otero, gardaban certa correspondencia coas dos seus debuxos (“peitos coma balcóns, gárgolas, torres como agullas cara o ceo...”). O corpo da Bella Otero era para Gaudí como “o organismo clásico grego que se opuña ó sistema teolóxico do gótico”. E incluso puido servir de modelos para os bocexos dalgunha das esculturas da Sagrada Familia (Enciclopedia da Emigración Galega).

A súa relación con este xenio debeu ser moi estreita xa que ela comentaba que tiña gardados debuxos seus e afirmaba que nunca os vendería.

Durante a súa estancia en Barcelona aproveitou non só para incrementala súa fama, senón tamén  para aprender e adquirir maior cultura. Atopou o seu Cicerone particular, un conde moi culto chamado Eusebi que lle ensinou a aprecialo arte, coñecela historia das monarquías europeas e a comportarse nos salóns da aristocracia barcelonesa.

Posteriormente marchou a Marsella e despois a París, que en aqueles anos era a capital da cultura de occidente. Ela vaise coa idea de estudiar baile e chega a sela estrela do Folies Bergére e a actuar no Cirque de Eté. Alí Bonafoux (escritor e periodista hispano-francés)  defínea como “a muller española mais grande que vive no estranxeiro”, e incluso serviu de inspiración para múltiples autores da época como Merimée, Bizet, Meilhac y Harlevy.

A Bella Otero converteuse nun dos estandartes de “Le Belle Epoque” e a súa vida correu paralela a acontecementos históricos de gran relevancia; como o comezo da organización da revolución proletaria por parte de Lenin, o inicio da “Época Azul” de Picasso, a innovación que supuxo Isadora Duncan no mundo da danza,… e xa mais cerca de nos, Pablo Iglesias no parlamento á España Oficial, Valle Inclán publica “Alma Española” e en Galicia danse os primeiros pasos do nacionalismo.

Tal era a súa popularidade que ata Toulouse-Lautrec lle fixo unha obra en pastel, José Martí dedicoulle algún dos seus versos, escriben para ela pantomimas, aparecen artigos sobre ela en periódicos de todo o mundo falando da súa traxectoria profesional, tamén describindo os modelos que lucia, e incluso no deseño dos automóbiles da época se tomaba como modelo os grandes sombreiros da artista.                  

A Bella Otero era unha muller loitadora, fíxose e promocionuse a si mesma, ata chegar a ser unha bailarina coñecida internacionalmente, artista autodidacta, pois a súa arte era máis instintivo que técnico, din que tamén era unha cantante competente e tiña calidade como actriz, chegando a representar “Carmen” de  Bizet e  pezas teatrais como Nuit de Nöel (Wikipedia, a enciclopedia libre).


O escritor galego, Luís Seoane, describíaa así nun dos seus artigos: “Para nós a Bella Otero, foi sempre un dos símbolos de gracia e beleza de Galicia…”.


Marga do Val escolleu Pontevedra para a presentación de “Carolina Otero” por ser esta a cidade na que se coñeceu a orixe galega da famosa bailarina. Foi Renato Ulloa, ala polo 1894, quen recoñeceu nas fotografías que tiña Carmen Otero Iglesias en Valga, a aquela moza que tiña visto retratada en múltiples revistas sobre o ambiente galante Parisino.
 
Estas publicacións acostumaban a miralas nas tertulias que mantiñan coa familia Muruáis. «Eles descubriron que a Bela Otero era aquela rapaza que se chamaba Agustina e que marchara de Valga -sinalou Do Val- Así que me pareceu que tiña que ser aquí onde presentase o libro».
 
A fascinación que este mítico personaxe exerceu dende o pasado século materializouse nos últimos anos en varias biografías. “Creo que é algo casual –engade a autora-. A min, Otero fascinoume dende os dez anos, cando atopei un señor que a coñecera en Buenos Aires. Gardaba incluso un mechón de pelo e contaba moitas historias. Pregunteime: ¿que ten esta muller?».

Despois de anos de investigación que a levaron a Italia, Francia ou Alemaña, Marga do Val ten agora a resposta: “para min, o máxico da Bella Otero foi como puido chegar de Valga a París no século XIX”. “Se xa en París era difícil chegar a cortesá, hai que imaxinar o seu caso -agregou-. Creo que era unha muller moi intelixente. Sen ir á escola, chegou a falar francés, inglés e incluso din que chapurreaba alemán».

Pero ademais, o libro da escritora galega afondaba nunha das facetas menos documentadas de Carolina Otero, a de actriz. «Que ela foi a primeira actriz galega e unha das primeiras actrices do cine non estaba en ningunha biografía -sinalou Do Val-. En San Petersburgo propuxo a un realizador que tomaba imaxes da cidade que a gravase. E mentres saían as súas imaxes, ela facía un taconeo, co que sabía que o son ía por separado dos fotogramas».

 

Artigos

Outra destacada aportación é a información recollida da prensa. Por algúns artigos, entre eles un de Aurelio Aguirre, coñecemos datos sobre a súa estancia en Santiago sobre 1880, a súa constante preocupación pola súa nai, á que mandaba dende París unha pensión de duascentas pesetas ó mes. Outro periódico faise eco do colapso telefónico provocado polos lectores que querían saber a hora na que a Otero ía montar en globo en París, ou o seu intento fallado de que a recibise o Papa.                                                     

Ós 96 anos Carolina Otero faleceu en Niza. Apareceu tirada no chan da cociña, onde preparaba coello, “pero quixen darlle dignidade e aproveitei que tamén se dixo que había un escape de gas para afirmar que ela decidiu morrer ese 10 de abril».