Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O PROGRAMA “LER CONTA MOITO” REGRESA CUN OBRADOIRO SOBRE CIENCIA E UNHA SESIÓN DE HISTORIAS

- A actividade “A ciencia é divertida” está programada para mañá ás 11 horas no Auditorio Municipal

- “As cousas pequenas contan” pon en valor os relatos do común o día 8 na Casa da Cultura de Valga

03/08/2017

O programa “Ler conta moito”, que a Xunta de Galicia quere fomentar a lectura durante a época estival, ten dúas novas citas no municipio nos vindeiros días da man dun obradoiro científico e unha sesión de historias e contos do común. Ambas actividades son gratuítas e están abertas á participación de todos os nenos valgueses.

“A ciencia é divertida” está programado para mañá ás 11 horas no Auditorio Municipal. Trátase dun obradoiro que inclúe a realización de pequenos experimentos que lles permitirán aos máis pequenos descubrir, de forma lúdica, como a ciencia está presente na súas vidas. A actividade, que mestura narración oral con obradoiros creativos, tratará de espertar a curiosidade dos nenos para que, dese xeito, aprendan dunha forma divertida.

O vindeiro martes, 8 de agosto, será a Casa da Cultura de Valga a que acolla, tamén ás 11 da mañá, a sesión “As cousas pequenas contan”, unha actividade creativa dirixida a nenos a partir de 5 anos de idade. Xulio Varela fará ver aos rapaces participantes que as cousas que parecen insignificantes ou obxectos do fogar tamén poden converterse, grazas ao poder da imaxinación, en personaxes fantásicos que protagonicen aventuras. Seguindo esta premisa, os nenos poderán crear os seus propios contos.