Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

NENOS DE VALGA RECIBEN DE PROTECCIÓN CIVIL CONSELLOS PARA SALVAGARDAR AS SÚAS VIDAS E AS DOS DEMAIS

- Os efectivos de emerxencias amosáronlles o material co que traballan e explicaronlles como actuar en caso de sufrir un accidente ou declararse un incendio

- Un hospital de campaña instalado nos arredores de Mina Mercedes recibiu aos participantes nesta actividade educativa da Escola de Verán

03/08/2017

Efectivos de Protección Civil e do Grupo de Emerxencias de Valga participaron esta mañá nunha actividade educativa á que acudiron os nenos de entre 5 e 14 anos inscritos na Escola de Verán do Concello. Os rapaces recibiron unha serie de pautas que lles poden axudar a salvagardar as súas vidas e tamén as dos demais, e coñeceron algúns dos materiais e ferramentas coas que traballa a cotío o persoal de emerxencias.

Un hospital de campaña instalado nos arredores da lagoa Mina Mercedes recibiu ao numeroso grupo integrado por nenos e monitores. O que para algúns semellaba unha tenda de campaña xigante serve para prestar atención a feridos instalando no seu interior o material médico preciso e dotándoa de electricidade a través dun xerador. Os pequenos puideron ver de preto, tamén, un dos vehículos de extinción de incendios, tanto forestais como urbanos, cos que contan os servizos de emerxencias de Valga e que neste caso conta con capacidade para albergar ata 3.500 litros de auga.

Un remolque de intervención con bombas de achique de auga e xeradores para contar con luz naqueles lugares ou instalacións que poidan carecer dela foi outro dos elementos centrais da xornada sobre seguridade, se ben unha das cuestións na que máis se detiveron os efectivos do GES e de Protección Civil e que máis interese espertou entre os nenos foron os accidentes de tráfico e as ferramentas coas que contan para rescatar a persoas que quedan atrapadas no interior do seu vehículo despois dunha colisión. Chamaron moito a atención a demostracións de corte da carrozaría, rotura dos cristais das lúas ou sobre como ceibarse do cinto de seguridade obrigatorio para conseguir saír. Os pequenos tamén recibiron instrucións sobre como actuar en caso de caer á auga dentro dun coche.

Esta xornada sobre seguridade e emerxencias formou parte da programación da Escola de Verán organizada polo Concello de Valga para favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período de vacacións estivais. Ademais de iniciativas lúdicas, tamén se levan a cabo actividades educativas e formativas.

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.160970044451457.1073741894.131969484018180&type=1&l=fc1ed0b4a7