Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

UNHA NOVA ACTIVIDADE DA FESTA DA ANGUÍA REPARTE PREMIOS EN METÁLICO ENTRE OS PARTICIPANTES

- Equipos de cinco persoas poden inscribirse no xogo “Buscando Anguías” ata o día 19 de agosto

- Cinco grupos disputaránse na fase final a “Anguía de Ouro”, dotada cunha gratificación de 300 euros

04/08/2017

A Concellería de Cultura organiza unha nova actividade dentro do programa da XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, un xogo de busca e azar no que os equipos participantes aspirarán un dos tres premios en metálico que establecen as bases e que suman, en total, 600 euros. Disputarase nunha zona acoutada do Parque Irmáns Dios Mosquera a partir das 18 horas do 26 de agosto, permanecendo aberto o prazo de inscrición ata o día 19. Os interesados poden dirixirse tanto ás oficinas do Concello como ao Auditorio para anotarse e, se o desexan, consultar tamén as bases do concurso, denominado “Buscando Anguías”.  

 

Trátase dun xogo por equipos no que haberá que superar unha serie de desafíos para chegar  ata a “Anguía de Ouro”. A actividade estará dividida en fases. Na primeira, os participantes enfrontaranse a distintas probas para intentar conseguir todas as pezas dun crebacabezas. Os cinco equipos que logren máis pezas ou que as consigan todas en menos tempo serán os que opten aos premios en metálico ao clasificarse para a fase final. Nesta terán que elixir, por orde de clasificación, entre cinco chaves que abren outros tantos cofres. Pero só un eles agocha a Anguía de Ouro, o maior premio do xogo, xa que está dotada con 300 euros. A Anguía de Prata reportará ao equipo que a atope 200 euros e a de bronce 100 euros. O resto de participantes recibirán tamén agasallos e premios, aínda que menores.

 

Cada equipo deberá estar formado por un grupo de cinco persoas, entre elas, como mínimo, un maior de idade. Cada grupo será distinguido cun nome, unha cor e terá que nomear a un capitán responsable. En todo momento os compoñentes de cada equipo deberán de permanecer xuntos. Segundo establecen as bases, ningún membro poderá abandonar o xogo antes do seu remate, xa que eso suporía a eliminación do equipo ao completo. Quedarán prohibidos os teléfonos móbiles durante o transcurso da proba e só se poderá empregar material facilitado pola organización.  Hai que lembrar que ata o 19 de agosto tamén permanece aberto o prazo de inscrición no obradoiro de cociña para nenos que se desenvolverá tam

én durante a tarde do día 26, xornada grande da Festa da Anguía e Mostra da Caña, celebración declarada de Interese Turístico de Galicia.  “A cociña viaxeira” é o nome da actividade. Os rapaces participantes traballarán en grupos con cociñas e un supermercado para tratar de inculcarlles, por unha parte, a importancia dunha alimentación saudable e, por outra, a do traballo cooperativo. Será un espazo para a aprendizaxe, axudando aos nenos a coñecer os tipos de alimentos e a traballar con eles para elaborar diferentes pratos e postres.