Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O PLENO APROBA DESTINAR CASE 300.000 EUROS A REPARAR DANOS DOS TEMPORAIS, CREAR UN CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CAÑA E COMPRAR EQUIPAMENTO PARA A BANDA, A CORAL E CLUBS DEPORTIVOS

- Os fondos proveñen do remanente de tesourería do Concello, que pechou o pasado exercicio 2016 cun superávit de 580.717,75 euros

- O proxecto para arranxar destrozos dos temporais inclúe a mellora de estradas de titularidade municipal que resultaron danadas a consecuencia das inclemencias meteorolóxicas dos últimos invernos

04/08/2017

O Pleno de Valga aprobou na tarde de onte e únicamente cos votos favorables do grupo de goberno un expediente de modificación de créditos que permitirá destinar case 300.000 euros a actuacións como a reparación de danos dos temporais ou a creación dun Centro de Interpretación da Caña. Estes fondos proceden do remanente de tesourería do Concello, xa que o pasado exercicio 2016 pechouse cun superávit de máis de medio millón de euros nas arcas municipais, en concreto de 580.717,75 euros. Neste sentido, cabe recordar que, segundo os datos do Ministerio de Facenda, Valga mantense como un dos concellos sen débeda.

O expediente de modificación de créditos aprobado onte polo Pleno ascende a un total de 296.479,79 euros. Desta cantidade, 73.848,61 euros serán destinados á rehabilitación dun edificio para a creación dun Centro de Interpretación da Caña no Parque Irmáns Dios Mosquera, no que se celebra anualmente a Mostra da Caña do País, outros 15.000 euros investiranse na adquisición de equipamento para a Banda de Música e a Coral e 10.000 en equipamento de clubs deportivos.

A partida máis cuantiosa, de 197.631,75 euros, resérvase para a reparación de danos ocasionados polos temporais nos últimos invernos. O proxecto forma parte dun conxunto de actuacións valoradas en máis de 200.000 euros para as que o Concello, explica o alcalde, José María Bello Maneiro, “solicitou o ano pasado ata en catro ocasións e por escrito (en maio, xullo, agosto e novembro) unha subvención á Deputación de Pontevedra sen obter nin sequera resposta”. Deste xeito negou de forma rotunda as afirmacións da portavoz socialista que asegurou durante a sesión extraordinaria que non existía proxecto para levar a cabo estas obras. Este, redactado en febreiro de 2016, inclúe como actuacións principais a reparación e pavimentación de estradas de titularidade municipal que resultaron danadas a consecuencias das inclemencias meteorolóxicas dos últimos invernos.

Para completar os 580.717,745 euros de remanente dos que dispuña o Concello, nun expediente anterior asignáronse os restantes 284.237,96 euros a varias actuacións, distribuíndoos entre diferentes partidas económicas e orzamentarias.