Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO SACA A CONTRATACIÓN A XESTIÓN DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE BAÑO POR UN PERÍODO DE CATRO ANOS PRORROGABLES

- O centro ten capacidade para albergar a 82 nenos de xeito simultáneo e ofrece servizo diario de comedor

- O adxudicatario estará obrigado a subrogarse na contratación do persoal da escola nas mesmas condicións actuais e con aplicación do convenio colectivo en vigor

07/08/2017

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio de contratación da xestión da Escola Infantil Municipal de Valga para os vindeiros catro anos, que poderán ser prorrogados ata un total de seis. O importe do contrato, cuxas clásulas foron aprobadas polo Pleno, ascende a 990.862,50 euros, o resultado de multiplicar o período máximo de xestión polo prezo anual de 165.143,75 euros. As empresas interesadas en concorrer ao procedemento, que se tramita pola vía de urxencia para garantir que se preste o servizo dende o comezo do vindeiro curso, xa poden consultar a documentación no Perfil do Contratante da páxina web do Concello de Valga (http://www.valga.es/publicacions/ver.htm?publicacionId=17681) e poden dirixirse ás oficinas municipais para estudar o Proxecto de Xestión deste servizo público. O prazo para presentar ofertas é de quince días naturais contados a partir de mañá en horario de 9 a 13:30 horas de luns a venres. Cada candidato non poderá presentar máis dunha oferta e todos deberán constituír unha garantía provisional por importe de 3.300 euros, o equivalente ao 2% da primeira anualidade do contrato.

A Escola Infantil de Baño-Xanza conta cunha capacidade total de 82 nenos en presenza simultánea e estrutúrase en seis unidades (dúas de 0-1 anos, dúas de 1-2 anos e dúas de 2-3 anos). Ofértanse prazas a xornada completa ou media xornada sendo o tempo máximo de permanencia dos alumnos no centro de 8 horas diarias, agás causas excepcionais. A prestación do servizo comprende a atención integral do alumnado, tanto nos aspectos educativos como nos de carácter socioeducativo de coidado, hixiene e alimentación dos nenos. Deste xeito, ademais de facilitar a conciliación familiar e laboral, o centro promove o desenvolvemento integral dos alumnos e a súa aprendizaxe de habilidades cognitivas e creativas, facilitando sempre a integración dos nenos con necesidades educativas especiais.

Segundo o prego de condicións administrativas polas que se rexirá a contratación, o adxudicatario estará obrigado a subrogarse na contratación do persoal nas mesmas condicións e con aplicación do convenio colectivo en vigor, tendo en conta que a escola conta actualmente con seis traballadores, entre educadores infantís, persoal de servizos e auxiliares de apoio. O servizo deberá prestarse todo o ano a modo de curso escolar que comprenderá dende o 1 de setembro ata o 31 de agosto de luns a venres en horario ininterrompido de 8 a 20 horas. Só exclusivamente durante o mes de agosto se poderá aplicar un horario reducido de 8 a 16 horas. A escola tamén ofrece diariamente servizo de comedor, xa sexa con persoal propio do centro ou contratado para tal fin, proporcionando unha dieta sa, equilibrada e axeitada para os distintos grupos de idade elaborada por especialistas en nutrición infantil.

O contratista será responsable da calidade técnica das prestacións e servizos realizados, así como das consecuencias que se deduzan para á administración ou para terceiros por omisións, erros ou métodos inadecuados. Deste xeito, terá que elaborar un proxecto educativo cunha visión educativa global, pluralista e integradora, de convivencia na diversidade e que garanta o desenvolvemento do alumnado como persoas nun ambiente de afectividade.

Este proxecto educativo será un dos criterios de baremación que teña en conta a mesa de contratación á hora de elixir a proposta máis ventaxosa. Tamén se valorará a oferta económica (que suporá ata o 50% da puntuación total) e a experiencia de traballo coa administración pública na prestación de servizos de idéntica natureza. O último día para presentar ofertas será o 22 de agosto.

As instalacións da escola municipal e todo o equipamento co que contan son de titularidade do Concello e só se permite o uso exclusivo por parte do concesionario mentras dure o contrato. Deste xeito, os edificios, equipamentos e demais bens adscritos reverterán ao final da concesión administrativa ao Concello de Valga en perfecto estado de conservación. De observarse danos, defectos ou deficiencias como consecuencia da execución defectuosa do contrato, o adxudicatario deberá proceder á súa subsanación ou, en caso contrario, procederase á incautación da garantía sen prexuízo das indemnizacións que procedan.