Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

ESCOLA DE VERÁN ACHÉGASE AO CAMIÑO PORTUGUÉS E Á CIENCIA AO CUMPRIR O PRIMEIRO MES DE ACTIVIDADE

- Un grupo de rapaces percorreu un tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Valga, entre O Pino e San Miguel

- Experimentos científicos aseguraron a diversión e o asombro dos nenos para pechar a semana

07/08/2017

A Escola de Verán do Concello de Valga cumpriu a pasada semana o seu primeiro mes de actividade e fíxoo mantendo algunhas das iniciativas xa tradicionais, como as rutas “Valga a pé”, manualidades ou informática, pero tamén con propostas novidosas para diversión dos nenos de entre 5 e 14 anos que participan de luns a venres nas sesións estivais.

Para comezar a semana e cunha función educativa e de concienciación, os rapaces asistiron a un obradoiro sobre igualdade que tivo continuidade o venres coa sesión “Contacontos pola Igualdade”, na que coñeceron a historia da Princesa Listiña. Por outra parte, as saídas para coñecer distintos lugares do municipio fixeron nos últimos días unha parada no Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Valga. Os nenos percorreron un tramo da ruta entre O Pino e San Miguel, sentíndose como auténticos peregrinos.

Xa enfiando o final da semana, houbo un pouco de emoción da man de efectivos de Protección Civil e do Grupo de Emerxencias de Valga, que explicaron aos rapaces algunhas pautas que lles poden axudar a salvagardar as súas vidas e tamén as dos demais e amosáronlles algúns dos materiais e ferramentas coas que traballa a cotío o persoal de emerxencias. Os nenos viron por dentro un hospital de campaña e achegáronse a un dos vehículos de extinción de incendios, ademais de participar en demostracións sobre o rescate de persoas feridas en accidentes de tráfico.

Esta xornada sobre seguridade deu paso, na mañá do venres, a outra das citas máis agardadas polos pequenos, o obradoiro “A ciencia é divertida”, que alternou o relato de contos coa realización de experimentos científicos que conseguiron abraiar aos rapaces e lles permitiron descubrir, de forma lúdica, como a ciencia está presente nas súas vidas. Participaron na creación dunha lámpada de lava, aprenderon como inchar un globo con vinagre e bicarbonato ou moveron modeas con electricidade estática.

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.161262064422255.1073741895.131969484018180&type=1&l=c3e88f7ca3