Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O MINISTERIO DE FOMENTO APROBA O PROXECTO DE MELLORA DA SEGURIDADE VIAL NA ESTRADA N-550 NO LUGAR DO PINO, CUNHA INVERSIÓN PREVISTA DE 615.690 EUROS

- Reordenarase a intersección existente na marxe esquerda do punto quilométrico 89,400 para permitir o xiro de vehículos en dirección a Pontevedra

- A actuación inclúe obras de posta en valor dun peto de ánimas existente na zona e que será trasladado a outro emprazamento para garantir a súa conservación

08/08/2017

A Secretaría de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento ven de aprobar definitivamente o proxecto de trazado da obra de mellora de seguridade vial e adecuación da intersección emprazada na marxe esquerda do punto quilométrico 89,400 da estrada N-550, ao seu paso polo lugar do Pino, coa conseguinte reordenación dos accesos. Así o recolle o anuncio que publica hoxe o Boletín Oficial do Estado (BOE) no que, ademais, se dá luz verde á redacción do proxecto construtivo.

Esta actuación conta cun orzamento estimado de licitación de 615.690,98 euros (IVE incluído) e foi solicitada polo Concello co obxectivo de garantir a seguridade neste punto da estrada N-550, un vial que soporta unha grande intensidade de tráfico, en boa parte vehículos pesados. Na actualidade, os condutores que circulan en dirección a Pontevedra teñen prohibido xirar á esquerda na intersección a reordenar e, así mesmo, os que saen do cruce tampouco poden xirar para continuar en dirección Pontevedra, unha situación que se pretende correxir coa execución deste proxecto. Deste xeito, as actuacións que se plantexan teñen como finalidade a mellora da intersección mediante carrís centrais de espera e os correspondentes carrís ou cuñas de cambio de velocidade, canalizándose os movementos e mellorando as condicións de seguridade vial.

Estudarase a configuración da sección da estrada no tramo que conta cun carril adicional para vehículos lentos, sustituíndoo por un carril adicional para vehículos rápidos con menor lonxitude que o actual para incrementar a súa distancia co inicio da intersección e facilitar así a incorporación dos vehículos. Ademais, disporase unha área cebreada ao remate do carril adicional que cumprirá a dobre función de servir de reserva de seguridade e advertir do inicio do carril central de espera dende o que acceder a o cruce do punto quilométrico 89,400. Por outra parte, debido á escasa lonxitude dispoñible para proxectar o carril de aceleración para os vehículos que saen da intersección e se incorporan á estrada N-550 en sentido Pontevedra, deberá plantexarse a posibilidade de reducir a velocidade neste tramo, actualmente limitada a 70 quilómetros por hora.

No anuncio que pode lerse no BOE de hoxe a Secretaría de Estado de Infraestruturas resolve aprobar o expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de trazado da mencionada obra. Ademais ordena que se redacte o proxecto construtivo seguindo unha serie de pautas que son resultado da admisión de varias alegacións durante o período de exposición pública. Entre elas, a reposición de tódolos servizos afectados pola execución das obras e a incorporación das actuacións de posta en valor precisas para a conservación do peto de ánimas existente neste entorno, incluíndo o correspondente proxecto para o desmonte deste elemento patrimonial e o seu traslado a outro emprazamento que será consensuado entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Valga.