Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

NENOS E MAIORES PARTICIPAN NA RECUPERACIÓN DAS TRADICIÓNS AGRARIAS A TRAVÉS DA MALLA

- A actividade tivo lugar no patio do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro coa asistencia dos rapaces da Escola de Verán

- O gran recolectado pasará polo Muíño da Ínsua para obter fariña coa que elaborar pan, empanadas e outros produtos

09/08/2017

O IX Encontro Interxeracional organizado polo Concello de Valga, coa colaboración de distintos colectivos do municipio como A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor, superou esta mañá unha nova fase da produción do trigo coa celebración da malla no patio exterior do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Maiores e nenos, entre eles os participantes na Escola de Verán, déronse cita para compartir esta actividade de recuperación das tradicións agrícolas e de conservación do patrimonio cultural local.

A malla é un dos momentos máis espectaculares deste proceso do trigo, pola impresión que producen as peculiares ferramentas que se empregan, os manles, e o son que producen ao bater contra o cereal espallado no chan para conseguir que os grans se desprendan das espigas. De aí que sexa unha das actividades que esperta maior ilusión e interese nos rapaces e tamén nos maiores que actúan como mestres. Os primeiros, nalgúns casos, é a primeira vez que contemplan esta tarefa agraria que require de gran coordinación entre as persoas que a levan a cabo, e os segundos xa que lles permite rememorar tempos de antano, nos que os traballos no campo se facían de xeito manual, soían reunir a boa parte dos veciños das aldeas e ata remataban converténdose en festas. Logo de ver a demostración dos participantes máis veteranos, algúns rapaces non dubidaron en botar tamén man do manle para probar a bater no trigo.

Logo da malla, que estivo amenizada polos coplas e a música de varias pandereteiras, chegou o momento de separar a palla do cereal. O gran foi cribado e aireado para que quedase limpo e levarase agora a moer ao Muíño da Ínsua. Coa fariña resultante organizaranse novas actividades. Primeiro, as mulleres rurais da asociación Albor ensinaranlles ás novas xeracións a amasar pan e, por último, elaboraranse empanadas, bizcoitos e outros produtos que degustarán as persoas participantes no Encontro Interxeracional. Tamén se reservará parte da palla para empregala na próxima edición da matanza do porco.

Máis fotos: https://www.facebook.com/pg/ConcellodeValga/photos/?tab=album&album_id=162721057609689