Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

NAVA CASTRO ESCOITA AS DEMANDAS DO CONCELLO DE VALGA PARA REHABILITAR A CASA DA CAÑA E MELLORAR O BELÉN

- A creación do Centro de Interpretación da Caña suporá a rehabilitación dunha vella edificación nos arredores do Parque Irmáns Dios Mosquera

- A crecente repercusión do Belén Artesanal en Movemento fai necesarias algunhas actuacións para adecualo á demanda dos milleiros de visitantes que recibe

10/08/2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e máis a xerente deste mesmo organismo da Xunta de Galicia, Elena Ramos, visitaron esta mañá o Concello de Valga onde mantiveron un encontro co alcalde, José María Bello Maneiro, e coa concelleira de Cultura, Mari Carmen Castiñeiras, que lle platexaron varias demandas de financiación para acometer diferentes proxectos vencellados ao turismo no municipio. En concreto, para a creación do Centro de Interpretación da Caña e máis para algunhas melloras no Belén Artesanal en Movemento.

As responsables de Turismo de Galicia puideron comprobar o estado no que se atopa unha vella edificación emprazada nas inmediacións do Parque Irmáns Dios Mosquera e que se proxecta rehabilitar para destinar á Casa da Caña, tendo en conta que moi preto se celebra cada ano a Mostra da Caña do País. A intención do goberno local é poder poñer en marcha estas novas dependencias museísticas de cara á vindeira edición da mostra, que se organiza conxuntamente coa Festa da Anguía o último fin de semana do mes de agosto. O inmoble atópase nestes momentos en estado ruinoso e require dunha actuación en profundidade para a súa recuperación. A comezos deste mes o Pleno de Valga aprobou unha modificación de créditos para, entre outras actuacións, destinar 73.848,61 euros do seu superávit á rehabilitación desta edificación, unha cantidade que o Concello quere completar cunha aportación económica de Turismo de Galicia a través da sinatura dun convenio de colaboración.

Outro dos proxectos dos que falaron o alcalde e Nava Castro foi a execución dalgunhas melloras no Belén Artesanal en Movemento, declarado de Interese Turístico de Galicia e que cada ano, coincidindo co mes de Nadal, achega ata Campaña a milleiros de persoas chegadas dende os máis diversos lugares da xeografía española e incluso internacional. Deseñado polo colectivo Amigos do Belén nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados, a instalación conta con máis de 4.000 figuras, todas feitas de xeito artesanal e moitas delas con movento. Representa esceas propias do Nadal, pero tamén tradicións locais e asuntos de interese nacional e mundial. Dada a repercusión cada vez maior que acada o Belén, considerado un dos mellores de Galicia, fanse necesarias certas actuacións de mellora para adaptalo á crecente demanda do público.