Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A DEPUTACIÓN CONCEDE A VALGA UNHA SUBVENCIÓN PARA O TRATAMENTO DE RESIDUOS MEDIANTE A COMPOSTAXE

- O proxecto elaborado polos técnicos municipais foi o segundo mellor valorado dos 24 concellos que optaban ás axudas

- O tratamento de residuos con composteiros permite reducir a cantidade de lixo que chega aos vertedoiros e, ao mesmo tempo, limitar o uso de fertilizantes químicos

10/08/2017

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial acordou na súa sesión ordinaria do día 28 de xullo aprobar a solicitude de subvención presentada polo Concello de Valga para poñer en marcha a compostaxe dentro do “Plan Compost Revitaliza”.

Segundo a valoración realizada pola propia Deputación, o proxecto presentado polo Concello e redactado polos técnicos municipais foi o segundo mellor puntuado de todos os que optaban ás axudas, que sumaban un total de 24.

Deste xeito, o Concello de Valga poñerá en marcha un plan municipal de recollida e tratamento de residuos domiciliarios mediante composteiros, un proceso que permitirá obter abono natural a partir dos residuos orgánicos. Deste xeito non só se pode reducir a cantidade de lixo que chega aos vertedoiros, minimizando o seu impacto ambiental, senón que tamén se consegue limitar o emprego de fertilizantes químicos ao substituílos polo compost.