Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O PROGRAMA DE ANDAINAS “MONUMENTA, ANDAR CON ARTE” RECALA EN VALGA PARA EXPLORAR A PEGADA DOS ROMANOS

- A actividade, impulsada pola Consellería de Cultura da Xunta, terá lugar este domingo con saída dende o colexio Ferro Couselo

- Os camiñantes achegaranse aos xacementos Igrexa Vella e Mercado dos Mouros, visitarán a Mina Mercedes e gozarán das vistas dende o mirador de Beiro

10/08/2017

O programa de andainas “Monumenta, andar con arte”, impulsado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, recala esta fin de semana en Valga para explorar a pegada que os romanos deixaron no municipio. “Valga Romana” é a denominación da ruta, para a que hoxe aínda se poden tramitar inscricións a través do número de teléfono 619 637 211, e que se desenvolverá o domingo a partir das 10 da mañá con saída dende o colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro.

A andaina circular, con once quilómetros de percorrido de baixa dificultade, fará a primeira parada no miradoiro de Beiro, dende o que poden contemplarse vistas panorámicas do val do Ulla, e continuará ata o Mercado dos Mouros, un xacemento de carácter comercial e portuario datado no século IV e relacionado co ruta fluvial do Ulla, de enorme importancia para os intercambios comerciais e culturais na época romana. O técnico do Concello Santiago Chenlo, licenciado en historia da arte e responsable do Museo da Historia de Valga, exercerá de guía no roteiro e falará tamén aos particantes da produción de tella na zona, dende as antigas telleiras ata a máis recente fábrica de Novo y Sierra. Este tema abordarase con visitas ao antigo porto de vagonetas e a Mina Mercedes, unha lagoa con case catro hectáreas de superficie que ocupa o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción nas factorías próximas. Trátase da maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra.  Ademais de gozar das paraxes naturais da ribeira do Ulla, a ruta continuará ata o xacemento Igrexa Vella, no que os arqueólogos documentaron unha secuencia histórica que abarca dende o século IV d.C. ata o século XVIII.

“Monumenta, andar con arte” é unha iniciativa que se serve da acción de camiñar para explorar o territorio e o patrimonio e sentir a singularidade cultural e paisaxística de Galicia. Neste caso concreto, de Valga.