Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO ACONDICIONA A RAMPA PARA EMBARCACIÓNS DA PRAIA DE VILARELLO EN COLABORACIÓN CON COSTAS DO ESTADO

- A actuación foi solicitada por pescadores e propietarios de embarcacións que padecían dificultades para botalas ao río Ulla

- O tramo final da rampa, en contacto case constante coa auga, quedara reducido a lodos a consecuencia do arrastre das mareas e do uso cotiá

11/08/2017

O Concello de Valga acometeu durante esta semana traballos de mellora e acondicionamento da rampa para embarcacións da praia fluvial de Vilarello, unha instalación na que, dende a súa construción, non se levaran a cabo ningúns traballos de mantemento e que, a consecuencia das mareas e do uso, se atopaba en mal estado dificultando a botadura de embarcacións ás augas do río Ulla.

Esta era unha actuación solicitada de forma recurrente polos pescadores e propietarios de embarcacións da zona, usuarios habituais das instalacións. A forza da auga e máis o emprego cotiá provocaron o arrastre de materias de maneira que a parte máis baixa da rampa quedara reducida a lodos, o que complicaba o traslado de embarcacións nos momentos nos que a marea estaba baixa.

As obras de reposición consistiron en compactar o firme con pedras e grava e leváronse a cabo entre o martes e o xoves desta semana, aproveitando unhas das mareas máis baixas de todo o ano. Os traballos foron executados polo Concello a petición da Xefatura Provincial de Costas do Estado, organismo dependente do Ministerio de Medio Ambiente, co ánimo de promover a colaboración entre administración en beneficio da cidadanía.