Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

COMEZAN AS OBRAS NO RÍO SOUTIÑO PARA PREVIR ASOLAGAMENTOS NA DEVESA

- Logo de acometer no mes de agosto a limpeza do regato, a empresa Ogmios Proyecto S.L. empezará o luns a executar os traballos

- A actuación, na que a Xunta de Galicia inviste máis de 900.000 euros, inclúe tamén melloras no río Valga

07/09/2017

As obras para previr os desbordamentos do río Soutiño ao seu paso polo núcleo da Devesa comezan o vindeiro luns logo de que esta mañá o director e xefe de obra da empresa adxudicataria, Ogmios Proyecto S.L., visitaran a zona para ultimar o inicio das actuacións. Se ben os traballos xa se remontan ao mes de agosto, cando se acometeu a limpeza do cauce do regato, será a vindera semana cando empecen a executarse as obras recollidas no proxecto financiado pola Xunta a través do organismo Augas de Galicia. Cos máis de 900.000 euros que se investirán nos ríos Soutiño e Valga preténdese poñer fin aos asolagamentos que periódicamente padecen os veciños, sobre todo residentes nas zonas de Campaña e A Devesa.

Na actualidade o entorno do río Soutiño, na Devesa, ata a confluencia co río Valga é unha zona asolagable na que a Xunta de Galicia xa acometeu diversas actuacións de encauzamento para previr desbordamentos. Este proxecto preséntase como a última fase das melloras e o alcalde, José María Bello Maneiro, agarda que sirva para acabar definitivamente coas inundacións que afectan aos veciños do lugar. Acometeranse obras para encauzar o río Soutiño entre a estrada autonómica PO-548 e a confluencia co río Valga, diferenciándose tres treitos. O primeiro, abarca dende a vía do ferrocarril ata o tramo xa encauzado na anterior fase executada hai anos. No segundo tramo, augas abaixo do anterior e chegando ata a estrada, colocarase un novo marco con capacidade suficiente para a avenida de 100 anos de período de retorno. Por último, o terceiro tramo conlevará o ensanche do cauce na zona ubicada tralas vivendas, onde se construíron muros e galpóns a carón do río, reducindo a anchura do cauce a menos dun metro nalgúns puntos.

O proxecto inclúe tamén melloras no río Valga, se ben o goberno local considera que a situación máis urxente é a da Devesa, onde se producen os meirandes problemas de asolagamentos, polo que se priorizará a parte do proxecto que afecta a esta zona. No tocante ao río Valga, algunhas das actuacións previstas son a prolongación da defensa da marxe esquerda nun tramo duns setenta metros de lonxitude –a marxe dereita xa se atopa encauzada– , a demolición dun azude e a prolongación nuns 155 metros da condución de toma existente que alimenta a un muíño. Por último, tamén está previsto prolongar o encauzamento de gavións nas inmediacións do Parque Irmáns Dios Mosquera, limpando a maleza do cauce e ampliando a canalización augas arriba ata o cruce do río coa estrada de San Miguel. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.

Cabe recordar que, no seu día, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, asinaron un convenio de colaboración para a execución deste proxecto de solución aos problemas de inundacións. As actuacións que se levarán a cabo en base a dito acordo enmárcanse no Plan de Xestión de Riscos de Inudacións elaborado por Augas de Galicia para a demarcación Galicia-Costa.