Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

465 NENOS DE INFANTIL E PRIMARIA COMEZAN O LUNS O CURSO NOS COLEXIOS E ESCOLAS UNITARIAS DE VALGA

- No CEIP de Baño están matriculados 310 alumnos, 97 no CEP Xesús Ferro Couselo e 58 no Centro Rural Agrupado

- Operarios municipais acometeron nas últimas semanas traballos de mantemento e posta a punto dos centros educativos públicos

09/09/2017

Os colexios de Educación Infantil e Primaria e as escolas unitarias de Valga inician o vindeiro luns o curso escolar 2017/2018 cun total de 465 nenos matriculados dos que case a metade corresponden ao CEIP Plurilingüe Baño-Xanza, o que máis prazas oferta tendo en conta, ademais, que nas súas aulas conviven tanto estudantes do ciclo de Infantil como de Primaria. Serán 310 os alumnos que o día 11 retomen a actividade educativa no centro público de Baño.

O colexio de Educación Primaria Xesús Ferro Couselo de Cordeiro pechou o prazo de matrícula cun total de 97 estudantes inscritos, mentras que o Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga contará durante este curso con 58 alumnos repartidos en seis escolas unitarias, as de Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza.

Nos últimos días os operarios do Concello intensificaron os traballos de mantemento nos centros educativos públicos do municipio para deixar as instalación en boas condicións de cara ao inicio do curso. No colexio de Baño reparouse a tarima flotante do ximnasio, acondicionouse o areeiro do patio e acometeronse outras obras de albanelería no exterior.

Dotouse o CEP Xesús Ferro Couselo de percheiros e repararonse tamén algunhas persianas. Neste centro levarase a cabo de xeito inminente a substitución de boa parte das fiestras, un total de 23, unha obra financiada pola Consellería de Educación con 53.283,06 euros. As actuais ventás, deformadas debido ao paso do tempo, causan a entrada de aire nos días que sopra vento e provacan incomodidades e ata irritacións ou alerxias entre a comunidade educativa, ademais de limitar a eficacia do sistema de climatización.

Por último, no tocante ás escolas unitarias agrupadas no CRA, os traballos dos operarios municipais incluíron a mellora de parques e reparación de columpios e xogos, arranxos nos pisos, colocación de estanterías e reparación de cisternas.