Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO SOLICITA Á DEPUTACIÓN UNHA SUBVENCIÓN PARA CONCLUÍR AS OBRAS DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO

- O proxecto, cun orzamento de máis dun millón de euros, inclúe o acondicionamento do interior do inmoble, o seu equipamento e a mellora da praza Vicente Cousiño

- O Pleno abordará tamén actuacións de mellora no parque Irmáns Dios Mosquera e no entorno da praia fluvial de Vilarello e o expediente de contratación de Radio Valga

08/09/2017

O Pleno do Concello de Valga, que se reunirá o vindeiro 14 de setembro en sesión ordinaria, abordará a solicitude dunha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra para concluír as obras do Edificio Administrativo, un proxecto cuxo orzamento ascende a 1.061.278,67 euros e que inclúe o acondicionamento interior do inmoble e a dotación de equipamento, tanto mobiliario e equipos informáticos para as novas oficinas como equipos electrónicos para a radio municipal.

Ademais de Radio Valga, o edificio de usos administrativos ubicado na praza Manuel Vicente Cousiño acollerá o xulgado de paz, a sede da Policía Local, o arquivo municipal, unha biblioteca e outras oficinas. Este inmoble, que se está a construír por fases e que supuxo a rehabilitación dunha antiga escola, pretende acabar cos problemas de espazo dos que adoece a actual Casa Consistorial, de xeito que poida mellorarse a prestación de servizos aos cidadáns. Son xa tres as fases de reconstrución que se levaron a cabo, a última a finais do ano 2016. O proxecto que se debatirá no Pleno pretende ser a última fase das obras e, ademais, inclúe o acondicionamento da praza Vicente Cousiño, en concreto a súa pavimentación e a substitución da fonte central.

Por outra parte, a orde do día do Pleno incluirá tamén a solicitude de financiación á Caixa de Anticipos da Deputación para o acondicionamento do Parque Irmáns Dios Mosquera e do entorno da praia fluvial de Vilarello, unhas obras valoradas en 285.377,02 euros. No primeiro dos parques procederase ao derrubamento dunha edificación sen uso existente no lugar e propiedade do Concello que se eleva sobre un lavadoiro tradicional. Este lavadoiro acondicionarase coa construción dunha nova cuberta sobre catro columnas de pedra granítica e con acabado en tella cerámica.

Proxéctase tamén unha nova escaleira de acceso a o parque desde a estrada N-550, aproveitando o talude existente e adaptándose á súa pendente para interferir o mínimo no entorno. Por outra banda, habilitarase un novo parque infantil na zona nordeste do recinto e o leito do río será acondicionado con pedra e coa construción dun novo muro que o encauce o polo seu lugar orixinal. As paredes do tanque da piscina fluvial revestiranse con pedra para xerar un espazo de baño máis limpo e, por último, defínense zonas de nova pavimentación con pedra e a adaptación da pendente dunha das pontes existentes para que sexa accesible a persoas con mobilidade reducida.

No tocante ao entorno da praia fluvial de Vilarello, acondicionarase o camiño de acceso á bancada existente que, ademais, será completada e dotada dun novo espazo pavimentado e dúas novas escaleiras de acceso, unha en cada extremo, para facilitar a accesibilidade e mobilidade dos usuarios. Esta actuación complétase coa dotación de novos elementos de xardinería e paisaxe no parque.

A orde do día do Pleno inclúe, ademais, o expediente de contratación a través de procedemento aberto do servizo de Radio Valga.

Para o vindeiro luns están convocadas as comisións informativas previas á sesión plenaria.