Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O IV ENCONTRO DE BOLILLOS E LABORES ARTESANAIS REÚNE A 205 PALILLEIRAS DAS PROVINCIAS DE PONTEVEDRA E A CORUÑA

- O evento está organizado pola Asociación Artesanal de Palilleiras "A Bella Otero" coa colaboración do Concello de Valga

- O alcalde e as concelleiras de Servizos Sociais e Cultura desexaronlle aos asistentes unha boa estancia na vila

09/09/2017

A cuarta edición do Encontro de Bolillos e Labores Artesanais, organizado pola asociación de palilleiras “A Bella Otero” coa colaboración do Concello de Valga, reúne hoxe no pavillón municipal de Baño a 205 palilleiras chegadas dende distintas localidades das provincias de Pontevedra e A Coruña. O Baixo Miño, Vigo, Redondela, Ames, Pontevedra, Cambados, Oleiros, Porriño, A Estrada, Padrón , Arteixo ou Abegondo son algúns dos lugares de procedencia dos participantes no encontro, na súa maioria mulleres, pero tamén algúns homes e incluso nenos.

A xornada deu comezo ás 10 da mañá coa recepción e presentación dos participantes, que recibiron un agasallo da organización, e prolongarase ata as oito da tarde. Durante o encontro, os participantes realizan traballos, tanto de encaixe como de ganchillo, calceta ou punto de cruz, e ademais hai instalados no pavillón distintos postos de venta de materiais para realizar actividades e tamén do Centro Ocupacional de Saiar. “Aproveitamos estas citas para ver os labores que realizan outras palilleiras, compartimos ideas, opinións e patróns e incluso coñecemos novos materiais e deseños”, explica Lourdes Conde, presidenta e profesora da Asociación Artesanal de Palilleiras “A Bella Otero”.

O colectivo organizador aporta tamén ao encontro unha exposición dos traballos realizados polas súas integrantes durante todo o ano que inclúe dende panos e manteis, ata abanicos, xoias e incluso un vestido de Comunión. Ademais, a asociación estrea hoxe a imaxe que a identificará a partir de agora, un busto de encaixe da Bella Otero.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras de Servizos Sociais e Cultura, Begoña Piñeiro e Mari Carmen Castiñeiras, visitaron ás palilleiras esta mañá para desexarlles unha boa xornada e estancia en Valga. O rexedor saludou ás representantes dos grupos chegados desde distintos lugares de Galicia e interesouse polos seus traballos. Ademais, felicitou á asociación “A Bella Otero” pola organización deste evento.

A actividade, que se interrumpe entre as 14 e as 16:30 horas para a comida, continúa pola tarde, entre outras actividades, co sorteo de 145 regalos donados por casas comerciais e colectivos de Valga e Pontecesures, dende cestas de froita ou prantas, ata productos de perruquería, vales para talleres mecánicos e outrous obxectos aportados por Artesanía de Galicia.

A Asociación Artesanal de Palilleiras “A Bella Otero”, con máis dun lustro de actividade, conta na actualidade con preto de 25 membros que durante todo o ano asisten a clases dous días á semana nas antigas casas de maestros de Baño e no Auditorio de Cordeiro. Teñen como mestra á súa presidenta, Lourdes Conde, diplomada na Escola de Encaixe de Mariña Regueiro, profesora formada en Holanda e pioneira na ensinanza intensiva do encaixe de bolillos en España para a obtención do diploma de Docente de Encaixes. Ademais, Lourdes Conde conta tamén con Carta de Artesá, o que lle permite impartir obradoiros de labores.