Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

AS PERNOCTAS REXISTRADAS NO QUE VAI DE ANO NO ALBERGUE XA SUPERAN ÁS DE TODO O 2016

- Entre xaneiro e o 10 de setembro fixeron noite na pousada do Pino un total de 3.564 peregrinos que cubrían o Camiño Portugués

- As estancias no albergue valgués incrementáronse en máis dun 101% nos últimos cinco ano

11/09/2017

 As pernoctas rexistradas no albergue de peregrinos de Valga no que vai de 2017 superan xa ás de todo o ano 2016. Entre xaneiro e onte 10 de setembro foron 3.564 os peregrinos que elixiron a pousada do Pino para aloxarse mentras cubrían o Camiño Portugués a Santiago, o que representa xa 52 estancias máis que durante todo o ano pasado, que rematou con 3.512 pernoctas. Agosto foi ata o de agora o mes con máis hóspedes (709), seguido de maio (632) e xuño (628).

Este incremento de estancias no albergue valgués vai parello ao aumento de peregrinos que transitan polo Camiño Portugués. Entre xaneiro e finais de agosto deste ano foron 43.470 os camiñantes que percorreron a vía lusa a Compostela, o que supón 6.035 máis que no mesmo período do ano 2016 segundo os datos da Oficina do Peregrino. O Camiño Portugués, que discorre por Valga, sitúase así como a segunda ruta de peregrinación a Santiago máis transitada por diante dos camiños do Norte, Primitivo, Inglés, Vía da Prata, da Costa ou Muxía-Fisterra.

Os peregrinos que elixiron no que vai de ano o albergue do Pino para facer noite representan o 7,7% dos camiñantes totais do Camiño Portugués, un dato nada despreciable tendo en conta que Valga non é final de etapa como sí o son, en cambio, outras localidades próximas como o caso de Caldas de Reis ou Padrón. A pousada valguesa, que forma parte da rede pública de albergues de Galicia xestionada pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, conta con tres dormitorios que suman en total 78 prazas e dispón, ademais, cociña, comedor, duchas con auga quente, almacén de bicicletas, botiquín, calefacción central, sala de reunións, lavandería con lavadora e secadora e tendedeiro, así como un xardín con terraza. O prezo da pernocta é de seis euros por persoa e o horario de admisión é de 13 a 22 horas.

Dende que abriu as súas portas, en abril de 2011, o número de peregrinos aloxados foi en aumento. Nos últimos cinco anos as estancias no albergue incrementáronse en máis dun 101%. No exercicio 2012, o primeiro ano completo do que existen rexistros, os peregrinos que fixeron noite no Pino sumaron 1.744. En 2013 ascenderon a 2.329, en 2014 foron 2.552, en 2015 chegaron a 3.164, e en 2016 contabilizáronse 3.512.

A meirande parte dos peregrinos que acuden ao refuxio de Valga son de nacionalidade portuguesa, seguidos de alemáns e italianos. Neste 2017 tamén destacan en número os procedentes de Polonia. No pasado ano 2016 peregrinaron a Compostela polo Camiño Portugués persoas de 146 nacionalidades distintas.