Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A ASOCIACIÓN ASDIVALU FOMENTA O EMPREGO ENTRE AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE CON CINCO CONTRATACIÓNS NO CODI

- Os seleccionados traballarán durante tres meses no Centro Ocupacional nun obradoiro de reciclaxe de materiais eléctricos e electrónicos

- O colectivo tamén organiza un curso de arte floral de 35 horas de duración

12/09/2017

A Asociación de persoas con discapacidade dos vales Ulla e Umia (Asdivalu) impulsa, en colaboración co Concello de Valga e a Deputación Provincial, unha iniciativa de fomento do emprego para persoas con diversidade funcional ou en exclusión social. Así, promove a contratación durante tres meses (seis horas semanais) de cinco persoas con discapacidade ou que se atopen en situación de exclusión.

O prazo para optar a estes contratos remata o día 15 de setembro e os interesados poden poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Valga (986 55 94 56) ou chamar ao Centro Ocupacional para persoas con discapacidade (636 75 79 69). Serán no CODI onde as persoas contratadas desempeñen o seu labor, en concreto no obradoiro de reciclaxe de materiais eléctricos e electrónicos.

Por outra parte, Asdivalu tamén organiza un curso de arte floral para persoas con discapacidade e, en caso de quedar prazas libres, aberto a todo tipo de públicos. A actividade dará comezo o día 20 de setembro e terá unha duración de 35 horas. As prazas dispoñibles son 15 e os interesados en inscribirse deben contactar cos Servizos Sociais do Concello ou co CODI.