Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A DIRECTORA DE TURISMO DE GALICIA VISITA MAÑÁ VALGA PARA ASINAR UN CONVENIO E ENTREGAR OS PREMIOS DA RUTA "TAPA Á ANGUÍA"

- O bar Alba, a cafetería do Auditorio e o hotel Corona de Galicia proclamáronse gañadores dos mandís de Ouro, Prata e Bronce

- Celebrarase o sorteo de dez vales de 30 euros, ao que poden asitir os participantes que o desexen

12/09/2017

A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, visita mañá (11:30 horas) Valga para asinar un convenio de colaboración co Concello e, ademais, entregar xunto co alcalde, José María Bello Maneiro, os premios da IV Ruta "Tapa á Anguía" aos establecementos de hostalería gañadores dos mandís de Ouro, Prata e Bronce.

A anguía crocante con hummus en salsa de queixo de Arzúa Ulloa elaborada polo Bar Alba proclamouse gañadora do primeiro premio, seguida pola cafetería do Auditorio, que preparou a tapa "La Tostán de Valga", unha tosta de anguía con tomate sobre crema de queixo Camembert. O podio completouno o hotel Corona de Galicia coa "Anguía La Fabulosa", unha tosta que, ademais do peixe protagonista, incluía alioli de cilantro e xelatina de vermú. A directora de Turismo de Galicia terá a oportunidade de degustar as tres tapas gañadoras.

Trala entrega de premios celebrarase o sorteo de dez vales de compra de 30 euros cada un entre as persoas que participaron na elección da mellor tapa durante a fin de semana do 26 e 27 de agosto, coincidindo coa XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Ao sorteo pode asisitir o público que o desexe. Os vales poderán canxearse nos comercios do municipio.