Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

TURISMO DE GALICIA FINANCIA CON 150.000 EUROS A CONSTRUCIÓN DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA CAÑA E A CLIMATIZACIÓN DO BELÉN ARTESANAL

- A directora da Axencia, Nava Castro, e o alcalde José María Bello Maneiro asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas administracións

- Entregaron os premios aos establecementos gañadores da IV Ruta “Tapa á Anguía”

13/09/2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre ambas administracións para a creación do Centro de Interpretación da Caña do País e a climatización do recinto do Belén Artesanal en Movemento. Ao acto, que tivo lugar no Salón de Plenos, asistiron tamén o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e as concelleiras Mari Carmen Castiñeiras e Carmen Gómez.

O acordo recolle a aportación por parte de Turismo de Galicia de case 150.000 euros para as dúas actuacións citadas, que se executarán antes de que remate este ano. Por unha parte, 45.000 euros para dotar ao recinto do Belén Artesanal, en Campaña, dun sistema de climatización. E, por outra, 104.623’78 euros para a primeira fase da Casa Caña. Esta nova dotación museística que ten proxectada o Concello levarase a cabo nas inmediacións do Parque Irmáns Dios Mosquera, no que anualmente se celebra a Mostra da Caña do País. A administración municipal adquiriu unha parcela cunha edificación ruinosa que será reconstruída para destinala a Centro de Interpretación da augardente de Valga.

Nava Castro destacou a aposta de Valga por promocionar os seus recursos turísticos. “Todo aquel concello que poña en valor os seus recursos endóxenos terá o apoio de Turismo de Galicia”, afirmou a directora da Axencia. “Queremos seguir falando de Valga, da caña do país, da anguía e do Belén para continuar poñendo en valor o destino Galicia e, en concreto, a provincia de Pontevedra”. Referiuse, en particular, ao Belén Artesanal en Movemento. “Queremos seguir impulsando este Belén tan singular e que, dende hai uns anos, conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia”.

Deseñado polo colectivo Amigos do Belén nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados, a instalación conta con máis de 4.000 figuras, todas feitas de xeito artesanal e moitas delas con movento. Representa esceas propias do Nadal, pero tamén tradicións locais e asuntos de interese nacional e mundial. Considerado un dos mellores de Galicia, o Belén de Valga acada cada ano máis repercusión e atrae á vila a milleiros de persoas chegadas dende os máis diversos lugares da xeografía galega, española e incluso internacional. Aínda que recibe visitas durante todo o ano de colexios, asociacións e excursións organizadas, a época de maior afluencia é o Nadal, “en inverno, de aí que sexa necesaria a climatización do edificio para mantelo cunha temperatura agradable para os visitantes e axeitada para os equipos eléctricos cos que conta a instalación”, explicou o alcalde.

José María Bello Maneiro incidiu en que as dúas actuacións recollidas no convenio de colaboración con Turismo de Galicia son “moi importantes para Valga”. En relación ao Centro de Interpretación da Caña explicou que, coa financiación da Xunta, “acometerase a primeira fase do proxecto, que inclúe tanto a reconstrución da edificación como a dotación da cuberta. Queremos darlle un impulso importante para que a Casa da Caña se vexa avanzada na próxima edición da festa”, aínda que non rematada. “Esperamos seguir contando coa colaboración de Turismo e da Xunta para as seguintes fases do proxecto”, concluíu o rexedor.

Trala sinatura do convenio, Nava Castro, Bello Maneiro e Cores Tourís entregaron os premios aos establecementos de hostalería gañadores da IV edición da ruta “Tapa á anguía”, que se desenvolveu na fin de semana do 26 e 27 de agosto e contou con trece bares a restaurantes participantes. A anguía crocante con hummus en salsa de queixo de Arzúa-Ulloa elaborada polo Bar Alba de Vilar proclamouse gañadora do Mandil de Ouro. O Mandil de Prata recaeu na cafetería do Auditorio, que preparou a tapa “La Tostán de Valga”, unha tosta de anguía con tomate sobre crema de Queixo Camembert, e completando o podio de gañadores o hotel Corona de Galicia, que se fixo co Mandil de Bronce coa tapa “Anguía La Fabulosa”, unha tosta que, ademais do peixe protagonista, incluía alioli de cilantro e xelatina de vermú. As autoridades tiveron ocasión de degustar as tres tapas gañadoras.

Os representantes dos tres establecementos hostaleiros exerceron, por último, como mans inocentes no sorteo de dez vales de compra por valor de 30 euros cada un para gastar nos comercios do municipio. Os gañadores son: Javier Fontán Fernández, Manuel Comparada Vázquez, Sergio Pérez Ferro, Carmen Bermúdez Navia, Andrés García Gama, Antonio Castiñeiras López, Alicia Blanco Blanco, Ana Martínez Blanco, Noelia García Lesende e Josefa Pérez Oliveira