Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O REPARTO DE LAZOS VIOLETAS E A LECTURA DUN MANIFESTO COMPLETAN OS ACTOS CONMEMORATIVOS DO DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

- O alumnado dos centros educativos escribirá mensaxes sobre igualdade e profesionais do CIM falarán en Radio Valga sobre a influencia do machismo na sociedade

- O Auditorio Municipal acolle durante todo o mes unha programación adicada á muller

11/11/2017

O Concello de Valga xa ten pechada a programación coa que conmemorará o día 25 de novembro contra a violencia de xénero que inclúe a lectura dun manifesto, o reparto de lazos de cor violeta e outras actividades que contarán coa participación dos centros educativos ou de profesionais do Centro de Información á Muller (CIM).

Na véspera do 25-N, os usuarios do CODI realizarán lazos violetas que despois serán colocados en edificios públicos como o Auditorio, a Casa do Concello ou o centro de saúde, entre outros. Nos centros educativos de Valga colocanse caixas violetas nas que o alumando poderá introducir mensaxes a prol da igualdade. Radio Valga súmase tamén a esta conmemoración coa emisión de música contra a violencia e un programa no que participarán profesionais do CIM que falarán sobre a influencia do machismo na sociedade. No propio día 25 de novembro darase lectura no Auditorio a un manifesto en contra da violencia de xénero e repartiranse lazos violetas entre os asistentes ao concerto do grupo Arosa Bay.

A isto hai que engadir a programación que o Auditorio Municipal adica á igualdade durante todo o mes de novembro e que deu comezo onte cos contos e obradoiros “Contamos Todas”, unha actividade organizada en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na que participaron estudantes da vila e centrada na desigualdade e a violencia de xénero. Tamén dirixido ao alumnado de centros educativos valgueses, o mércores 22 de novembro o Auditorio acollerá “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreces sobre o empoderamento da muller. Da man da narradora e titiriteira Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de libros, zapatos, teas e monicreques, abordaranse a obra rosaliana e algúns dos momento da vida desta insigne escritora galega.

Para todos os públicos e con entrada de balde, está programado para o domingo día 19 o espectáculo “O soño dos contos”, a historia dunha nena, Xoana, que potencia os valores da amizade, responsabilidade, esforzo, constancia e respecto. O xoves 23 de novembro terá lugar o contacontos pola igualdade “Arturo e Clementina” que reivindica o rol feminino na sociedade, combate os estereotipos sexistas e denuncia a discriminación. O 25 de novembro péchase a programación co concerto “Música contra a violencia” protagonizado pola agrupación de acordeóns “Arosa Bay”.

Ademais, durante todo o mes pode verse no Auditorio a exposición “Mulleres Galegas”, que reúne a catorce figuras destacadas en ámbitos como a ciencia ou a cultura e atópase na pranta soto do edificio, nas dependencias da Escola de Música. Forma parte do programa “Valga Violeta” impulsado polo Concello en colaboración coa Deputación e co que se quere concienciar de forma continuada sobre a igualdade de xénero e a prevención da violencia machista implicando a toda a poboación a través de colectivos como asociacións de mulleres, xuvenís ou de maiores, clubes deportivos ou colexios con actividades concretas que inciden en dereitos como a igualdade de oportunidades ou advirten sobre problemáticas como o maltrato ás mulleres.

No marco deste programa colocarónse nas fachadas da Casa Consistorial, o Auditorio e o CODI pancartas con mensaxes a prol da tolerancia, o respecto, a convivencia, a igualdade ou os dereitos humanos. Outra das iniciativas levadas a cabo dentro deste programa tivo como protagonistas aos nenos da Escola de Verán, que crearon unha pancarta co lema “Valga di si á igualdade” que incluía, ademais, información sobre o empoderamento feminino. Colocárona na praza do Concello rodeada de globos de cor violeta que agochaban dentro mensaxes pola igualdade.

No mes de xaneiro continúa a programación de “Valga Violeta” coa exposición “Á violencia de xénero… dille non!”, unha mostra gráfica para recoñecer e rexeitar conductas nocivas que poderá verse no Auditorio entre os días 2 e 14.