Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A AULA CeMIT OFERTA CURSOS SOBRE O USO DO MÓBIL E DA APLICACIÓN “WHATSAPP” PARA MAIORES DE 45 ANOS

- As actividades terán lugar nas mañás dos días 22 e 29 de novembro no Auditorio Municipal

- As prazas son limitadas polo que se recomenda inscribirse con anterioridade

13/11/2017

A Aula CeMIT de Valga oferta dous cursos sobre o uso do teléfono móbil e da aplicación de mensaxería  “Whatsapp” que están dirixidos a persoas maiores de 45 anos de idade.

A actividade “Aprende a usar o teu móbil” terá lugar o mércores 22 de novembro ás 10 horas e estará centrada no funcionamento dos teléfonos intelixentes, abordando aspectos básicos sobre seguridade, como gardar contactos na axenda, poñer alarmas ou o manexo da cámara de fotos, entre outros.

O día 29 de novembro a partir das 11:30 horas impartirase o curso “Como usar Whatsapp”, no que os participantes coñecerán como sacar o máximo partido a esta aplicación de mensaxería instantánea e multimedia. Crear grupos, enviar mensaxes en modo texto ou transferir imaxes, vídeos ou grabacións de audio serán algúns dos contidos.

Ambas actividades, que se desenvolverán na Aula CeMIT emprazada no Auditorio Municipal, teñen prazas limitadas polo que se recomenda aos interesados inscribirse con anterioridade.

A Aula CeMIT de Valga forma parte da rede de centros para a modernización e inclusión tecnolóxica da Xunta que ten como obxectivo a vertebración territorial e social de Galicia, en especial naqueles lugares nos que a fenda dixital é máis notoria, impulsando, potenciando e difundindo coñecementos sobre as novas tecnoloxías da información e a comunicación mediante actividades formativas no campo da alfabetización dixital e o emprendemento.