Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

EXECUTAN AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DA REDE DE SANEAMENTO EN VILAR CUN INVESTIMENTO DE CASE 30.000 EUROS

- Os traballos consisten na colocación de colectores e os correspondentes pozos de rexistro para evacuar as augas residuais procedentes das vivendas

- En Parafita estanse a executar obras no alcantarillado por valor de 45.000 euros e está a piques de adxudicarse o proxecto de Martores que conta cun orzamento de 350.362 euros

13/11/2017

A empresa Covsa está a executar as obras de ampliación da rede de saneamento municipal en Vilar, un proxecto cofinanciado polo Concello de Valga e a Deputación e que conta cun orzamento de 29.527,63 euros.

Os traballos consisten na instalación de colectores de saneamento con tubaxe de PVC de 135 milímetros de diámetro e os seus correspondentes pozos de rexistro. As novas dotacións permitirán a evacuación das augas residuais procedentes dos inmobles, eliminando os pozos negros e fosas sépticas existentes na actualidade e evitando así posibles focos de contaminación ambiental.

A aliñación prevista para a colocación das tubaxes vai prácticamente pegada á liña de fachada das edificacións, sempre por fóra e sen afectar á capa de rodadura dos viais. Coa finalidade de realizar as conexións e salvar as diferenzas de nivel existentes no trazado mantendo unha pendente máxima de entre o 6% e o 7%, construiranse os pozos de rexistro de diferente profundidade a base de aros prefabricados de formigón de 100 centímetros de diámetro e con tapa de ferro fundido.

Continuando co programa de melloras no municipio e particularmente no ámbito das infraestruturas de sanemento, estanse a investir outros 45.000,06 euros na ampliación da rede en Parafita e está a piques de adxudicarse o proxecto para dotar de rede de alcantarillado ao lugar de Martores, unha actuación que conta cun orzamento de 350.362’20 e para a que o Concello recibiu ofertas de nove empresas.

Estas melloras, ademais das vantaxes para o medio ambiente, permitirán atender as demandas sanitarias de veciños que aínda non posúen conexión ou acceso ás redes xerais de saneamento, tendo que servirse na actualidade de pozos negros ou vertendo en superficie as súas augas residuais, unha situación que pode provocar problemas de salubridade a curto e longo prazo.