Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A AXENCIA GALEGA DO SANGUE DESPRAZA UNHA UNIDADE DE DOAZÓN A VALGA O VINDEIRO LUNS

- O autobús estará emprazado diante do Concello entre as 10 e as 14 horas e en Cordeiro, xunto ao Auditorio, das catro ás nove da tarde

- O municipio rexistrou en 2016 unha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, moi preto do recomendado pola Organización Mundial da Saúde

14/11/2017

A Axencia Galega do Sangue, dependente da Consellería de Sanidade, deprazará o vindeiro luns 20 de novembro a Valga unha unidade móbil de doazón dentro da súa campaña “Súmate, doa sangue”. O autobús estará emprazado en Pontevalga, diante do Concello, de 10 a 14 horas e pola tarde trasladarase a Cordeiro, xunto ao Auditorio Municipal, entre as 16 e as 21 horas.

Poden acudir persoas maiores de 18 anos (se cumpren 65 poden doar co permiso do seu médico), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Non deben ir sen almorzar e despois de xantar teñen que deixar pasar dúas horas, sen esquecer levar a tarxeta de doador, DNI ou documento similar e un informe médico no caso de estar tomando algún medicamento. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista e un exame básico para preservar a saúde do doador e protexer ao futuro receptor dos compoñentes sanguíneos. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando pasar entre cada unha delas un mínimo de dous meses.

Tanto a Axencia Galega do Sangue como o Concello piden aos veciños a maior colaboración e solidariedade para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos. Ademáis, incídese na concienciación dun grupo especial de doadores universais, con sangue cero negativo, que son apenas 7 de cada 100.

Hai que ter en conta que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.

A Organización Mundial da Saúde recomenda unha taxa de entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes. En Galicia as doazóns de sague acadaron no ano 2016 as 111.276, o que representa 41 por cada 1.000 habitantes. Durante o ano pasado, en Valga rexistrouse unha taxa de 39 doazóns por 1.000 habitantes, moi preto do recomendado pola OMS. Na última estadía da unidade móbil da Axencia Galega do Sangue en Valga, que tivo lugar no mes de xullo, acadáronse un total de 51 doazóns, catro delas de persoas que doaban por vez primeira.