Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

“VALGA VIOLETA” CHEGA AOS COLECTIVOS DE MULLERES EN FORMA DE POEMAS

- O Concello está a agasallar a veciñas do municipio no marco da campaña “Poesía de mulleres para mulleres”

- A web e as redes sociais municipais divulgan durante todo o mes “Imaxes contra a violencia de xénero”, que inclúen citas sobre igualdade escritas ou pronunciadas por distintos persoeiros e intelectuais

14/11/2017

O programa de concienciación para a igualdade “Valga Violeta” está a chegar nas últimas xornadas ás asociacións do municipio integradas por mulleres coa distribución de tarxetas con poemas dentro da acción denominada “Poesía de mulleres para mulleres”. Na xornada de onte foron as integrantes da asociación “Albor” as que recibiron o agasallo e en datas vindeiras o Concello continuará co reparto entre outros colectivos e veciñas.

Ademais, dende a pasada semana tanto na páxina web municipal como nas redes sociais oficiais do Concello estase a desenvolver a campaña “Imaxes contra a violencia de xénero” que, ademais da parte gráfica, inclúen citas e frases sobre igualdade escritas ou pronunciadas por persoeiros, intelectuais ou activistas feministas. Esta iniciativa prolongarase ata finais de mes.

“Valga Violeta” quere concienciar de forma continuada á cidadanía sobre a igualdade de xénero e a prevención da violencia machista, máis alá de datas significativas como pode ser o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. A iniciativa trata de implicar e chegar a toda a poboación a través de colectivos de mulleres, asociacións xuvenís ou de maiores e colexios, con actividades impactantes e concretas que incidan en dereitos como a igualdade de oportunidades ou advirtan sobre problemáticas como o maltrato ás mulleres.

“Valga Violeta”, o logotipo baixo o que se unifican todas as actividades, é froito da colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Valga e a Deputación. O programa comezou a desenvolverse na época estival, cando tivo como protagonistas aos nenos da Escola de Verán, que crearon unha pancarta co lema “Valga di si á igualdade” que incluía, ademais, información sobre o empoderamento feminino. Colocárona na praza do Concello rodeada de globos de cor violeta que agochaban dentro mensaxes pola igualdade.

Tamén no mes de agosto colocouse na fachada da Casa Consistorial unha gran pancarta con mensaxes a prol da tolerancia, o respecto, a convivencia, a igualdade ou os dereitos humanos. Estandartes similares poden verse noutros edificios públicos de Valga como o CODI ou o Auditorio Municipal. Na pranta soto do propio Auditorio pode verse a exposición “Mulleres Galegas”, que reúne a catorce figuras destacadas en ámbitos como a ciencia, a cultura ou as humanidades: Ángeles Alvariño González, Concepción Arenal, Dolores Abuín Martínez, Emilia Pardo Bazán, Francisca Álvarez González, Francisca Herrera García, Luz Pozo Garza, María Casares, María Corredoyra, Maruja Mallo, Pura Lorenzana Prada, Rosalía de Castro, Sofía Novoa e Sofía Pérez Casanova.

No mes de xaneiro continúa a programación de “Valga Violeta” coa exposición “Á violencia de xénero… dille non!”, unha mostra gráfica para recoñecer e rexeitar conductas nocivas que poderá verse no Auditorio entre os días 2 e 14.

PROGRAMACIÓN CONMEMORATIVA DO 25-N, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Concello de Valga xa ten pechada, ademais, a programación coa que conmemorará o día 25 de novembro contra a violencia de xénero que inclúe a lectura dun manifesto, o reparto de lazos de cor violeta e outras actividades que contarán coa participación dos centros educativos ou de profesionais do Centro de Información á Muller (CIM).

Na véspera do 25-N, os usuarios do CODI realizarán lazos violetas que despois serán colocados en edificios públicos como o Auditorio, a Casa do Concello ou o centro de saúde, entre outros. Nos centros educativos de Valga colocanse caixas violetas nas que o alumando poderá introducir mensaxes a prol da igualdade. Radio Valga súmase tamén a esta conmemoración coa emisión de música contra a violencia e un programa no que participarán profesionais do CIM que falarán sobre a influencia do machismo na sociedade. No propio día 25 de novembro darase lectura no Auditorio a un manifesto en contra da violencia de xénero e repartiranse lazos violetas.

A isto hai que engadir a programación que o Auditorio Municipal adica á igualdade durante todo o mes de novembro e que deu comezo o pasado venres cos contos e obradoiros “Contamos Todas”, unha actividade organizada en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na que participaron estudantes da vila, usuarios do CODI e un grupo de maiores e que estivo centrada na desigualdade e a violencia de xénero. Tamén dirixido ao alumnado de centros educativos valgueses, o mércores 22 de novembro o Auditorio acollerá “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreces sobre o empoderamento da muller. Da man da narradora e titiriteira Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de libros, zapatos, teas e monicreques, abordaranse a obra rosaliana e algúns dos momento da vida desta insigne escritora galega.

Para todos os públicos e con entrada de balde, está programado para o domingo día 19 o espectáculo “O soño dos contos”, a historia dunha nena, Xoana, que potencia os valores da amizade, responsabilidade, esforzo, constancia e respecto. O xoves 23 de novembro terá lugar o contacontos pola igualdade “Arturo e Clementina” que reivindica o rol feminino na sociedade, combate os estereotipos sexistas e denuncia a discriminación. O 25 de novembro péchase a programación co concerto “Música contra a violencia” protagonizado pola agrupación de acordeóns “Arosa Bay”.