Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO DE VALGA SÚMASE Á CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA NENA

O goberno local adhírese á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias

11/10/2017

O 11 de outubro conmemórase o Día internacional da Nena, motivo polo que o Concello de Valga se adhire á DECLARACIÓN INSTITUCIONAL da Federación Española de Municipios e Provincias en defensa dos dereitos das nenas e en contra das desigualdades:

"O 19 de decembro de 2011, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas estableceu a data do 11 de outubro como o Día Internacional da Nena co obxectivo de lembrar e difundir a toda a sociedade mundial que ao longo da historia e na actualidade millóns de nenas en todo o mundo sufriron e seguen sufrindo marxinación e pobreza.

As circunstancias das nenas e as mulleres melloraron substancialmente nas últimas décadas. Actualmente, menos mulleres morren no parto, máis nenas acceden aos sistemas educativos, as taxas de matrimonio infantil están a diminuír, o número de mulleres políticas aumentou e tamén o fixo o número de mulleres que ocupan cargos directivos nas empresas; con todo, a pesar da evidencia e do longo e difícil camiño percorrido, a igualdade de xénero así como o empoderamento das nenas e as mulleres segue sendo unha promesa incumprida na maioría dos lugares do mundo. E iso, a pesar dos acordos internacionais, os nacionais ou os locais.

Por iso, é necesario facer visibles as necesidades invisibles e denunciar as desigualdades, as diferentes formas de discriminación e abuso que sofren as nenas e poñer de relevo a transcendencia de garantir os seus dereitos.

Na actualidade hai 1.100 millóns de nenas, un poderoso grupo que pode dar forma a un mundo sustentable e mellor para todas as persoas. Para iso, é necesario implementar políticas públicas destinadas á protección, a saúde, os dereitos sexuais e reprodutivos, a educación, o empoderamento económico e político e promoción dos dereitos das nenas pois é unha cuestión esencial de xustiza e igualdade.

Os retos e problemas fundamentais como a pobreza, os matrimonios precoces, a educación, a desigualdade ou a violencia contra as mulleres requiren de accións que inclúan metas fundamentais para conseguir a igualdade de xénero e reforzar a participación das mulleres e as nenas.

Por todo iso, os Gobernos Locais reunidos na Federación Española de Municipios e Provincias desexan realizar un chamamento para que se somen á conmemoración do Día Internacional da Nena e a traballar pola defensa dos dereitos das nenas en España e o mundo.

Lembrando a frase de Kofi Annan, exSecretario Xeral da ONU que proclamou unha verdade irredutible e atemporal, "a igualdade das mulleres debe ser un compoñente central en calquera intento para resolver os problemas sociais, económicos e políticos".