Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A CASA DA CULTURA ACOLLE O MARTES UN OBRADOIRO DIRIXIDO A NENOS DE 3 A 12 ANOS

A actividade, con entrada de balde e enmarcada no programa “Ler conta moito”, está fixada para as 17 horas

- Jules Verne, Arquímedes, Antonio Sanjurjo Badía e Issac Peral introducirán aos asistentes na construción dun submarino

12/10/2017

O programa de dinamización e fomento da lectura “Ler conta moito”, promovido pola Xunta de Galicia, retoma a súa programación en Valga o vindeiro martes, 17 de outubro, cun obradoiro a cargo da compañía Ciencia en Ruta e dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos de idade. A actividade está organizada polas bibliotecas municipais e a entrada é gratuíta.

Autores de ciencia ficción e científicos conflúen neste obradoiro para promover a literatura e intentar comprender o concepto de flotabilidade. Jules Verne, Arquímedes, Antonio Sanjurjo Badía e Issac Peral introducirán aos nenos asistentes na construción dun submarino, unha actividade ideal para fomentar o interese pola lectura, a ciencia e o traballo en equipo. Dará comezo ás 17 horas e a súa duración aproximada é de 80 minutos.

Tamén no marco da iniciativa “Ler conta moito”, está programado para o vindeiro 26 de outubro ás 17:30 horas no Auditorio Municipal o contacontos “Contos de marmeleiro, anís e limón”. Historias cheas de maxia e emocións, contos doutros tempos e outras falas forman parte deste espectáculo de narración oral, música e danza dirixido a rapaces de entre 4 e 12 anos de idade. A entrada será, igualmente, de balde.