Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO DE VALGA CONSEGUE O COMPROMISO DE SETE EMPRESAS DE CONTRATAR A UNHA TRINTENA DE DESEMPREGADOS

Valga Emprende

11/03/2017

O programa municipal Valga Emprende forma a 60 persoas de cara á súa inserción no mercado laboral

O Concello de Valga conta co compromiso de sete empresas dos  municipios de Valga, Pontecesures e Padrón de contratar a unha trintena de persoas desempregadas das 60 que están a participar no programa integrado de emprego Valga Emprende, unha iniciativa “novidosa que leva a cabo por primeira vez o Concello e centrada na formación específica de traballadores segundo as necesidades das empresas participantes, que xa se comprometeron a contratar a unha trintena de persoas”, explica o alcalde, José María Bello Maneiro.

O rexedor, xunto coa concelleira de Emprego, Carmen Gómez, mantiveron o luns na Casa Consistorial unha reunión con representantes dalgunhas das sete compañías adheridas a Valga Emprende. Trátase das valguesas OdL, Extrugasa, Exlabesa, Urovesa e Distribuciones Lema, así como Gama e Hijos de Pontecesures e a padronesa Stac. As bases do programa marcan como obxectivo conseguir a inserción laboral de 27 persoas, aínda que esta cifra verase finalmente superada xa que as empresas trasladaron ao Concello o seu compromiso de contratar, durante un período mínimo de tres meses, a 32 desempregados participantes. A reunión do luns contou tamén coa presenza de Eduardo García-Zabarte e Beatriz Gil Rivera en representación de GRI (Gabinete de Recolocación Industrial), empresa que se encarga de desenvolver o programa de formación dual.

A primeira fase de Valga Emprende, ata vésperas do Nadal, estivo centrada na formación transversal dos inscritos en ofimática, idiomas e técnicas de búsqueda de emprego. O proxecto continúa agora con sesións de formación máis específica, tanto teóricas como prácticas. Estas últimas levaranse a cabo proximamente tanto en instalacións municipais como en recintos das propias empresas. Así, as prácticas de carretillero realizaránse en dependencias do Concello, as de ponte mecánica en Extrugasa, as de soldadura no IES de Valga e as sesións prácticas de pintura e elecromecánica industrial impartiranse en Urovesa. Por último, Valga Emprende inclúe unha fase de prácticas non laborais nas sete empresas participantes nas que os alumnos serán distribuidos en función das súas hablidades e preferencias formativas e que terán como colofón a contratación dunha trintena de persoas actualmente desempregadas.

O Concello de Valga ten nas políticas de emprego unha das súas liñas de traballo primordiais nuns momentos nos que a poboación aínda está a sentir as consecuencias da crise económica da última década e da conseguinte destrución de postos de traballo. Valga Emprende, cofinanciado polo Concello e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, é un exemplo de como as políticas públicas municipais poden axudar a diminuír as taxas de desemprego.