Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO DE VALGA PRESENTA A OBRA GAÑADORA DO XVII PREMIO DE INVESTIGACIÓN XESÚS FERRO COUSELO

Rubén Castro Redondo

10/03/2017

 

 

 

 

 

 

 

 

Rubén Castro Redondo afonda no seu traballo nos conflitos por lindes e medidas na Galicia moderna

 

O Auditorio Municipal de Valga acolleu o acto de presentación do libro “Entre colmos, rebolas e dobres varas de medir: Conflitos por medidas na Galicia moderna (séculos XVI - XIX)”, da autoría de Rubén Castro Redondo. Esta foi a obra que se proclamou gañadora da XVII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. O certame, que busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas, ven sendo convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras ao Fillo Predilecto da vila valguesa e insigne figura da cultura galega. A XVIII edición xa está en marcha e fallarase a finais do mes de xullo.

O alcalde José María Bello Maneiro presidiu o acto de presentación da obra xa editada no que, ademais do premiado, interviron os catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra, membro do xurado e membro da Real Academia Galega e Ofelia Rey Castelao, autora do limiar de “Entre colmos, rebolas e dobres varas de medir: Conflitos por medidas na Galicia moderna (séculos XVI - XIX)”. Saavedra enxalzou o traballo do Concello de Valga á hora de “promocionar a cultura galega”, mentras que Ofelia Rey lamentou que as humanidades non sexan sempre “recoñecidas como deberan”.

Rubén Castro Redondo, de 29 anos e licenciado en Historia pola USC, centra a obra “Entre colmos, rebolas e dobres varas de medir: Conflitos por medidas na Galicia moderna (séculos XVI - XIX)” na enorme conflitividade que as medidas xeraron e, nalgúns casos aínda xeran, en Galicia. “É un estudo sobre a conflitividade social derivada das medidas, que parecen algo tanxible, pero nas que entra todo un universo de subxectividade”. A catedrática Ofelia Rey foi a que mais afondou no contido da obra. “Non hai dúas parroquias en Galicia que teñan un ferrado que mida o mesmo”, de aí a gran cantidade de liortas e “conflitos case irresolubles” que se producen. É esta unha temática realmente complexa e pouco estudada ata o de agora, se ben o libro asinado por Rubén Castro “é de lectura agradable e moi recomendable para lectores que non sepan nada de historia, porque aborda unha realidade moi nosa e moi propia da Galicia rural”, incidiu a autora do limiar. Tal é a sí que o alcalde sinalou que aínda hoxe en Valga “hai parroquias nas que unha cunca ten medidas diferentes”.

Castro Redondo tivo palabras de louvanza na súa intervención para a figura de Xesús Ferro Couselo, “un historiador magnífico e un referente para os que nos adicamos ao estudo do noso pasado” dixo. O gañador do premio, dotado con 4.000 euros, agradeceu ao Concello de Valga “a súa aposta pola investigación”, xa que “non hai moitas oportunidades” para os que se inician nesta disciplina. Por último e, ao coincidir o acto co Día Internacional da Muller, fixo unha referencia “a unha muller traballadora” que asistiu como público á presentación, Ana Sixto, que o precedeu como gañadora deste certame cunha investigación, ademais, sobre mulleres.

A presentación do libro de Rubén Castro no Auditorio sirveu, por último, para lembrar a Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía, membro da Real Academia Galega e integrante do xurado do Premio Ferro Couselo, que faleceu o pasado mes de setembro. Un dos seus últimos actos públicos tivo lugar en Valga, unhas semanas antes do seu pasamento, precisamente para elixir ao gañador do certame.

XVIII edición do premio

O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo xa ten en marcha a súa XVIII edición, tal e como anunciou o alcalde José María Bello Maneiro. Os traballos poden presentarse ata o día 15 de xuño nas dúas modalidades habituais. Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300. Dentro da segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.

Á hora de enviar os traballos, os participantes deben dirixilos ao rexistro de entrada do Concello de Valga entregando o orixinal e cinco copias en tamaño folio, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara. É imprescindible presentar os traballos baixo un lema, que tamén figurará no exterior da plica na que se incluirán o nome e apelidos, enderezo, teléfono do autor e título da investigación. O prazo de entrega finaliza o 15 de xuño e os gañadores daranse a coñecer na última semana do mes de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. O xurado estará constituído por cinco especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría. O secretario terá voz pero non voto.