Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O IES DE VALGA IMPARTIRÁ FORMACIÓN ESPECIALIZADA

Sector naval

Consello da Xunta 16-marzo

17/03/2017

A Xunta pon en marcha o Plan de formación no naval, no cal investirá 12 millóns de euros entre 2017 e 2018 e que está dirixido a 3.000 profesionais co obxectivo de que este sector conte con traballadores mellor preparados. Este primeiro plan sectorial de formación especializada en Galicia suporá a realización de 170 cursos para persoas tanto desempregadas como ocupadas. Esta actuación inclúe, ademais, a modernización de centros formativos en Vigo e Ferrol.
Os obxectivos desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, da cal se informou hoxe no Consello da Xunta, son atender as necesidades formativas do sector naval, facendo fincapé nas novas tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0; ao mesmo tempo que se dotan os centros dos equipamentos necesarios para impartir esta cualificación. O novo plan permitirá multiplicar por cinco tanto o investimento como os cursos realizados durante os dous anos anteriores (2015-2016) en materia de formación no naval.
A actuación inclúe formación específica para desempregados en soldadura, tubaxe e demais accións relacionadas co sector en centros públicos de Ferrol, A Coruña, Vigo, Valga, Cee, Fene e Bueu e entidades homologadas pola Administración autonómica.
Nestas dúas liñas de actuación os alumnos e alumnas poderán optar ás bolsas da Xunta para facilitarlles a asistencia aos cursos, os apoios para financiar os gastos correspondentes ao transporte, manutención e para a conciliación da vida familiar.