Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

NAVA CASTRO PON EN VALOR O TRABALLO DE AFECCIONADOS E PARTICULARES NA CONSERVACIÓN E DIVULGACIÓN DA FLOR DA CAMELIA

XI Exposición da Camelia Bella Otero

02/04/2017
 

A directora de Turismo de Galicia participou  en Valga na inauguración da XI Exposición da Camelia Bella Otero

No evento participaron numerosos colectivos e asociacións con innovadoras e orixinais presentacións florais ao redor da camelia

Amosou a súa satisfacción polo crecente interese nesta flor como demostran campañas de promoción como a levada a cabo en marzo en Bilbao que se saldou con máis de 3.000 asistentes
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor o traballo que están a levar a cabo afeccionados e particulares na conservación e divulgación da flor da camelia tanto na nosa comunidade como fóra dela.

Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración da XI edición da Exposición da Camelia Bella Otero, promovida polo Concello de Valga e a Asociación de Mulleres Rurais Albor, e “consolidada xa como unha cita ineludible no calendario dos amantes da camelia, cada vez máis numerosos”, valorou a responsable de Turismo da Xunta.

E é que na exposición participan cada ano numerosos colectivos sociais, centros educativos, asociacións, así como veciñas e veciños desta localidade pontevedresa e tamén de fóra dela que, coas súas innovadoras e orixinais presentacións florais coa camelia como protagonista, contribúen a divulgar, difundir e promocionar todo o potencial desta flor.

Agradecendo á organización o seu esforzo de máis dunha década rendendo culto á camelia con iniciativas como esta, a directora de Turismo amosou a súa satisfacción pola boa resposta que tamén están a acadar as actividades promocionais postas en marcha polo seu departamento.

Recurso desestacionalizador

Neste sentido, fixo mención á Ruta da Camelia –o itinerario especialmente deseñado para percorrer a nosa comunidade de norte a sur a través de 12 pazos e xardíns- que se converteu nun “potente recurso turístico desestacionalizador e un referente internacional”.

Do mesmo xeito, referiuse á campaña ‘Viños e Camelias’, a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas que se celebrará en San Sebastián en abril e que, ao seu paso por Bilbao durante o mes de marzo acadou máis de 3.000 asistentes.

Ademais, realizáronse preto dun centenar de contactos con operadores turísticos e unha das catas de viño da D.O Rías Baixas na que participaron numerosos usuarios de Instagram obtivo un alcance total de máis de 25.000 seguidores.

“Dende Turismo de Galicia continuaremos traballando a prol da conservación desta flor e impulsado o seu coñecemento. Porque contribúe a posicionarnos como destino experiencial, axúdanos a desestacionalizar a nosa oferta e é todo un referente internacional”, subliñou Nava Castro.