Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A LITERATURA LOCAL E A FIGURA DE CARLOS CASARES CENTRAN AS ACTIVIDADES DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

- Un certame literario con escolares de Valga, Pontecesures e Catoira abre este venres a programación no Auditorio

- Un roteiro pola parroquia de Cordeiro percorrerá as vivendas natais de Xesús e Manuel Ferro Couselo e do Pai Isorna

11/05/2017

O Concello de Valga dá comezo esta mesma semana ás actividades organizadas con motivo da próxima festividade do Día das Letras Galegas. O programa “Valga coas letras”, ideado pola Concellería de Cultura, inclúe unha achega á figura e á obra do autor homenaxeado pola Real Academia Galega, o ourensán Carlos Casares, pero tamén un percorrido pola literatura local da man de persoeiros como Xesús Ferro Couselo ou o Pai Isorna.

As actividades arrancan este venres día 12 no Auditorio Municipal de Cordeiro coa XXII edición do Certame Literario Intercentros, este ano organizado pola ANPA Xesús Ferro Couselo, unha actividade na que colabora o Concello. Escolares de Valga e dos municipios veciños de Pontecesures e Catoira daránse cita no Auditorio para, de forma conxunta, levar a cabo diversas actividades relacionadas coa literatura.

A véspera do Día das Letras, o martes 16 de maio, será unha das xornadas con maior carga de actividades, comezando polo reparto de libros aos veciños na Casa Consistorial. Todalas persoas que durante esa mañá se acheguen ás oficinas municipais serán agasallados cun exemplar dalgunha das obras gañadoras do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, entre elas “Entre colmos, rebolas e dobres varas de medir: Conflitos por medidas na Galicia moderna”, de Rubén Castro Redondo, premiada na edición de 2016 do certame, co que o Concello de Valga homenaxea cada ano ao Fillo Predilecto da vila e insigne figura da cultura galega. Tamén o martes 16 a partir das 11 horas terá lugar a “Carreira pola Lingua”, organizada polo IES de Valga e na que tamén participará alumnado dos colexios de  Baño e Cordeiro. Esta iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Valga. Pola tarde as actividades trasládanse ao Auditorio coa inauguración da exposición de pintura “Campus Senior. Pintando as nosas letras”, que poderá verse ata o 31 de maio. A continuación, a proposta “Lemos a Casares” permitirá aos asistentes dar lectura a fragmentos da obra “Vento Ferido”, unha das mais populares de Carlos Casares.

Trala xornada festiva, o xoves 18 continúa a programación “Valga coas letras” coa actividade “O que os avós contan” a partir das 17:30 na Biblioteca do Auditorio. Os avós valgueses relatarán historias, contos, lendas e anécdotas co obxectivo de manter viva a tradición oral e a riqueza cultural da vila, así como a súa orixe. A iniciativa está aberta á participación de todos cantos veciños queiran asistir sen necesidade de inscripción previa. Nesta semana do 15 ao 19 de maio, os nenos que asiduamente participan nas actividades extraescolares prepararán unha escolma de materias para achegarse á figura e obra de Carlos Casares.

Na mañá do sábado día 20 de maio terá lugar un Roteiro Literario relacionado con Xesús Ferro Couselo, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1996, e no que tamén se lembrarán as figuras do seu irmán, o filósofo e teólogo Manuel Ferro Couselo, e do franciscano José Isorna Ferreirós, o Pai Isorna, intelectual e gran defensor do galego. A finais do mes pasado celebrouse o primeiro cabodano do seu pasamento, o 26 de abril de 2016. O roteiro, de baixa dificultade, discurrirá pola parroquia de Cordeiro e incluirá tres breves paradas en Barcia, Balleas e Forno. En Barcia consérvase a vivenda natal do Pai Isorna e será a propia sobriña do franciscano a encargada de lebrar as vivencias e o legado do seu tío. En Balleas os participantes na andaina visitarán a casa natal de Xesús e Manuel Ferro Couselo e, por último, en Forno atópase a vivenda na que residiu coa súa familia Xesús Ferro. O roteiro rematará na igrexa parroquial de Cordeiro, onde terá lugar unha ofrenda floral ante as sepulturas destes tres valgueses ilustres. Os interesados en participar nesta andaina poden recabar máis información e inscribirse no Concello ou no Auditorio.

As actividades con motivo do Día das Letras Galegas rematarán os días 23 e 25 de maio. O martes 23, ás 17  horas celébrase na Casa da Cultura de Valga a iniciativa “Divermaxia”, coa que se pretende dinamizar a lectura a través da maxia. O xoves 25 o Auditorio acolle a partir das 17:30 a sesión de contacontos “Flipa cos contos”.  Estas dúas actividades están organizadas polas bibliotecas municipais dentro do programa “Ler conta moito”, da Xunta de Galicia.