Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

CINCOCENTOS VECIÑOS DE VALGA PARTICIPAN ESTE DOMINGO NO ENCONTRO COS NOSOS MAIORES

- A actividade, organizada polo Concello, recoñece aos veciños máis veteranos do municipio cun xantar na súa honra

- Os asistentes de máis idade recibirán un agasallo conmemorativo

11/05/2017

O pavillón polideportivo de Cordeiro acolle esta fin de semana unha nova edición do Encontro dos Nosos Maiores, unha iniciativa coa que cada ano o Concello de Valga homenaxea á poboación máis veterana do municipio cunha comida e outras actividades lúdicas. Será o domingo día 14 cando arredor de cincocentos veciños se reúnan, primeiro no Auditorio Municipal, e a mediodía no recinto deportivo.

A programación arranca ás 13 horas cunha misa que se oficiará no Auditorio de Cordeiro. Unha vez rematado o acto relixioso, os asistentes serán trasladados en autobuses ata o pavillón de Beiro, instalacións que acollerán o groso das actividades festivas e nas que os maiores serán recibidos polo alcalde de Valga, Xosé María Bello Maneiro, e outros membros do seu equipo de goberno. O medio milleiro de persoas que se darán cita degustarán unha comida elaborada por persoal municipal coa axuda dun grupo de veciños.

Unha vez rematado o xantar levarase a cabo un sorteo de diversos productos e obxectos aportados por casas comerciais do municipio para a ocasión. O home e a muller de maior idade que acudan á festa serán agasallados cun obsequio conmemorativo, así como as persoas que celebren o seu aniversario o propio domingo. A festa prolongarase durante toda a tarde coa música do dúo valgués Caché para facer desta unha xornada de diversión para os veciños.