Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

CASE 200 FIGURANTES RECREAN A ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE MAIO A BATALLA DE CASALDEIRIGO AOS PÉS DA CAPELA DA SAÚDE

- O programa conmemorativo inclúe unha novidosa sesión de vídeo mapping para rememorar a queima do convento e o levantamento da capela

- A loita entre as alarmas e o exército francés será o punto álxido dunha xornada con teatro, espectáculos de lume e unha cea

12/05/2017

Casaldeirigo evocará a última fin de semana de maio a pegada que a Guerra de Independencia deixou no lugar hai 208 anos. A recreación da Batalla de Casaldeirigo, que enfrentou aos veciños da zona co exército de Napoleón, reunirá aos pés da Capela da Saúde a preto de douscentos figurantes para revivir a cruenta e desigual loita na que as alarmas locais demostraron a súa ousadía e valor para facer fronte ás preparadas tropas francesas con armas improvisadas e moi rudimentarias. As alarmas de Valga non estarán soas na batalla, senón que a xornada do 27 de maio chegaranlle reforzos dende outros lugares de Galicia. As alarmas de Pontecaldelas, Pontesampaio ou San Antoniño de Mos estarán en Casaldeirigo para plantarlle cara aos franceses. Son só algúns dos numerosos colectivos participantes, entre os que tamén se encontran A Bugalleira, Amigos da Troula, Asociación Cabalar de Valga, Escola de Teatro de Valga, a Asociación Parroquial de Carracedo, Cantos de Taberna e Musival, baixo a organización do Concello de Valga e da asociación Heroes de Casaldeirigo.Todos se conxugarán para que esta xornada histórica sexa todo un acontecemento.

As actividades darán comezo ás 17 horas co desfile dos participantes cara as inmediacións da Capela da Saúde, onde terá lugar a correspondente recepción. O alcalde José María Bello Maneiro pasará revista ás tropas, antes do izado e xura de bandeiras, un acto que contará co acompañamento da Banda de Música Municipal de Valga. Unha emotiva homenaxe aos caídos na batalla cunha ofrenda floral dará paso ao acto central da tarde, o enfrentamento entre alarmas e exército francés entre disparos de artillería e salvas de canóns.

Cantos de taberna, coa asociación A Bugalleira e as Pandereteiras Virxe da Saúde, animación infantil e unha degustación gratuíta de rosquillas, serán a previa doutra das citas salientables da tarde, a representación teatral da obra “Unha aldea Guerreira”, gañadora do Premio A Guerra da Independencia en Valga.

A programación conta con novidades con respecto a anos anteriores, entre elas o espectáculo “Personaxes de lume” e unha sesión de vídeo mapping. Zancudos e un grupo de percusión de Troula Animación interactuarán co público que acuda a Casaldeirigo, co lume como elemento central. Unha vez chegada a noite, arredor das 22:30 horas, as paredes da Capela da Saúde iluminaránse coa proxección de imaxes que evocarán a queima do convento e o posterior levantamento da capela. O show de luz e son baséase na histórica Batalla de Casaldeirigo e as súas consecuencias e desenvolverase con técnicas de vídeo mapping e animación, con sistema de proxección de alta definición, para rematar con fogos de artificio.

Unha cea campestre e as actuacións de Caché e Nueva Era a partir da media noite porán fin ás actividades festivas. Para participar na cea é imprescindible anotarse antes do día 20 de maio. A inscripción pode tramitarse no Concello de Valga ou a través do colectivo Heroes de Casaldeirigo. O prezo é de 18 euros por persoa e dá opción a participar nun sorteo de agasallos doados por casas comerciais e asociacións.