Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

ESTUDANTES DE VALGA BOTAN UNHA CARREIRA POLA LINGUA

- O IES e os colexios de Baño e Ferro Couselo celebraron o Día das Letras Galegas

- Leron poemas de Carlos Casares e interpretaron cancións galegas

16/05/2017

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Arredor de cincocentos estudantes de Valga participaron esta mañá na VII Carreira pola Lingua que anualmente organiza o instituto coa colaboración do Concello de Valga, Supermercados Froiz e Begano (Coca Cola). Ademais de alumnos de ESO, Bacharelato e Ciclos, correron tamén polo galego escolares de 5º e 6º de Primaria dos colexios de Baño e Ferro Couselo. Antes de colocarse na liña de saída, varios dos participantes recordaron ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Carlos Casares, coa lectura dalgúns dos seus poemas.

A carreira discorreu polas zonas de Baño, Pontevalga, Xanza, Sixto e Carballiño, cunha lonxitude de 6,5 quilómetros para os estudantes de mais idade. Para os nenos de Primaria preparouse un percorrido alternativo e mais curto.

Os gañadores na categoría masculina de Primaria foron, de primeiro a terceiro posto, Brais Chan Novo (5º curso do colexio Ferro Couselo), Javier González Tubío (5º do Ferro Couselo) e Martín Chenlo Lorenzo (5º do colexio de Baño). En categoría feminina a campeona foi Noa Guerra Lestido (5º curso do CEP Ferro Couselo), seguida de Aroa García García (6º do CEIP de Baño) e María Rodríguez Abuín (5º do Ferro Couselo).

En canto aos corredores do IES de Valga, en categoría masculina, o podio quedou composto por Ángel Rodríguez (4º de ESO), Eugenio Dios e Luis David Domínguez, ambos estudantes de Ciclos. En categoría feminina a gañadora foi Noelia Miguéns, Aroa Dios chegou segunda e en terceiro lugar entrou una meta Iris Barros, as tres de 1º de ESO. Por último, os profesores que antes completaron o percorrido foron, por esta orde, Xosé María Barca, Francisco Sebio Peña e Mar Tejero Tercero, todos do IES de Valga.

Os gañadores recibiron a súa merecida medalla nun acto posterior á carreira celebrado no patio exterior do instituto, e logo de repoñer forzas con auga, refrescos e froita. Sorteáronse entre os asistentes varios agasallos e, coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, e da concelleira de Educación, Carmen Gómez, actuaron varios membros das comunidades escolares dos centros participantes. Alumnos do IES, La China Cosetti e membros da Banda Municipal de Música interpretaron cancións galegas como Lela, A Rianxeira ou o Himno.

Unha batukada puxo punto e final ás actividades relacionadas coa Carreira pola Lingua, iniciativa do departamento de Normalización Lingüística do instituto, que ten como responsable a Dulce Serrano. Serve para festexar a língua propia da nosa terra e defendela, para reunir á comunidade escolar do municipio e fomentar o deporte e a vida sa.

Durante a mañá de hoxe o Concello de Valga tamén agasallou aos veciños que se achegaron á Casa Consistorial con exemplares dalgunhas das obras gañadoras do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.438197709878182.1073741837.328091587555462&type=1&l=94d52a0147