Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O AUDITORIO ACOLLE A EXPOSICIÓN "PINTAMOS AS NOSAS LETRAS"

- A mostra inclúe obras feitas polos participantes do programa "Campus Senior"

- Estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de maio

17/05/2017

O Auditorio Municipal de Valga acolleu na tarde de onte a inauguración da exposición “Pintamos as nosas letras”, incluida na programación do Día das Letras Galegas. A mostra componse de obras creadas polos homes e mulleres participantes no programa “Campus Senior”, dirixido a persoas maiores de 65 anos e que conta con dous obradoiros: un de prevención e tratamento dos problemas de memoria e outro relacionado coa expresión artística. Tamén contribuiron á exposición coas súas pinturas outras valguesas inscritas na actividade “Creando Xuntas”.

As obras que forman parte da exposición son de temática e técnica variada. Ata o vindeiro 31 de maio poden verse no hall de entrada do Auditorio paisaxes, lugares de Valga –como o lavadoiro da Devesa- e de Galicia –a Catedral de Santiago-, bodegóns, animais, outros cadros máis abstractos ou tellas pintadas e decoradas. Tamén a familia é sempre unha boa fonte de inspiración para estes incipientes artistas, que en moitos casos é o primeiro curso de pintura ao que asisten. Exemplo disto é Celia Cordo Fernández que aporta á exposición dous retratos dos seus netos, Fabián e Jonatan, un tocando a batería e o segundo practicando piragüismo. E todo misturado con fragmentos da obra “Vento Ferido” de Carlos Casares, autor homenaxeado nestas Letras Galegas 2017. Dous retratos de Casares e do valgués Xesús Ferro Couselo –ao que se adicou o día das Letras no ano 1996- dan a benvida ás persoas que se achegan a botar unha ollada á mostra.

Á inauguración acudiron onte o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Sanidade, Benestar Social e Igualdade, Begoña Piñeiro, ademais dos verdadeiros protagonistas: os artistas. “Se a alguén hai que felicitar polos seus traballos de pintura é a vós”, díxolle o rexedor aos maiores do Campus Senior. “Comezastes hai pouco nesta disciplina e anímovos a que sigades porque é tempo ben empregado”, rematou Bello Maneiro antes de entregar cadanseu diploma aos inscritos nos obradoiros de memoria e expresión artística. O acto de onte serviu tamén para clausurar estes cursos ata pasado o verán.

 

Mais fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.438683396496280.1073741838.328091587555462&type=1&l=95019deebb