Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONSELLO DA XUNTA APROBA O NOVO ESCUDO E A BANDEIRA DE VALGA

 - O cordeiro, a ponte e as cordas son os elementos centrais dos renovados símbolos municipais

- O deseño será presentado aos veciños o vindeiro día 28 nun acto no Auditorio

18/05/2017

 O Consello da Xunta aprobou na sua reunión desta  maná o novo escudo e a bandeira que dende hoxe se converten nos símbolos oficiais do Concello de Valga. O visto bo do goberno galego prodúcese despois de que hai unhas semanas o Pleno municipal aprobara por unanimidade as renovadas enseñas, sen que tampouco se rexistraran alegacións no período de exposición pública. O Concello e a comisión de Heráldica da Xunta de Galicia levan tempo traballando conxuntamente na renovación do escudo valgués, tendo en conta que o que se viña empregando ata o de agora carecía de legalidade ao non rexirse polas pautas de Heráldica. Ademais, o vello escudo era susceptible de ferir sensibilidades ao aparecer nel un cordeiro pendurado dunha corda.

O deseño aprobado polo Consello da Xunta mantén a representación, xa consagrada polo tempo, do cordeiro, a ponte sobre ondas e unha alusión específica á fabricación de cordas, que é probablemente a teoría mais consistente respecto á orixe do topónimo que deu nome á primitiva xurisdicción de Cordeiro ou Cordario, da cal se derivou o termo municipal do mesmo nome, nacido en 1821 e renomeado definitivamente como Valga a partir da división municipal de 1836. O cordeiro, pola sua parte, alude á outra teoría explicativa do mencionado topónimo e a ponte evoca ao lugar de Pontevalga, onde se asenta a capitalidade administrativa do municipio.

O escudo xa oficial presenta fondo azul e, sobre ondas brancas e azuis, a ponte amarela surmontada do cordeiro branco e de dúas cordas douradas cos seus extremos ou cabos soltos e dispostas nos flancos. Ao timbre, a coroa real pechada.

A bandeira, de nova creación, ten unha disposición semellante: o pano azul co cordeiro branco flanqueado por duas cordas amarelas cos seus cabos soltos. Nun flanco amarelo, tres xirons azuis.

Os renovados símbolos de Valga serán presentados públicamente o vindeiro día 28 de maio nun acto no Auditorio Municipal ao que están invitados todos os veciños.