Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

OS NENOS ESCOITAN "O QUE OS AVÓS CONTAN"

Manuel Blanco e Bienvenido Cordo relataron historias da súa nenez e experiencias vitais

19/05/2017

Dous avós de Valga, Manuel Blanco Picón e Bienvenido Cordo Rodríguez, deixaron coa boca aberta á quincena de nenos que asisten ás actividades de conciliación familiar coas historias, experiencias vitais e anécdotas que relataron na tarde do xoves na Biblioteca Municipal do Auditorio. Estes dous veciños de Barcia (Cordeiro) e Cimadevila (San Miguel), de 85 e 80 anos respectivamente foron os protagonistas da actividade “O que os avós contan”, enmarcada dentro do programa cultural “Valga coas Letras” e que pretendía recoller as tradicións de antano e achegarllas ás novas xeracións.

Bienvenido e Manuel  falaron dos seus tempos de nenez e xuventude durante a posguerra, unha época na que “pasámolo mal porque non tiñamos case nada”, recordaron. O diñeiro escaseaba e, en ocasións, conseguir algo que levar á boca era unha verdadeira odisea. E mais cru o tiveron aínda os seus proxenitores. “Cando había unha sardiña miña nai e os seus tres irmáns tiñan que repartila entre os catro”, relatou Manuel, unha situación que hoxe en día parece incrible para a maior parte dos nenos pero que era unha realidade na España de hai décadas. “Non había cartos e ían á tenda a cambiar un ovo por un cuarto de litro de aceite”, continúa. A maior garantía de sustento para estas familias de antano era ter unha finca e gando para traballala. E aínda así “ata as vacas estaban franquiñas, mortas de fame”.

Manuel Blanco lembrou aquel día no que puxo rumbo a Estrada, a pé claro está, para ir mercar unha vaca coa que tirar do arado. “A vaca na merquei pero atopei a un home que adquirira tres e doume tres pesos por traerllas de volta. Eran unhas quince pesetas, unha diñeirada naquela época”. Manuel botou a andar cos tres animais pero a noite colleuno no camiño e tivo que pedir pousada e cea nunha aldea. Durmeu por un peso na casa do señor José. “Pregunteille polo servizo e contestoume: A min tocoume para África”, referíndose ao servizo militar, non ao cuarto de baño. Cando Manuel lle explicou que quería era ir ao inodoro, o señor José levouno a unha estancia da casa, levantou unha taboa e baixo ela apareceu un buraco no piso, unha especie de trampiña sobre a corte das vacas, pola que tiña que facer as súas necesidades. “Non había nin cuarto de baño, tiñamos que ir polas leiras”, insiste este veciño de Barcia entre risas.

Os avós explicaron aos rapaces a que xogaban nos seus tempos de nenos. Non podían mercar bonecos, non existían aínda as videoconsolas e as xogueterías eran algo que nunca viran. “Xogabamos aos trompos, ás bolas, á estornela ou ao aro. Correr detrás do aro era como a nosa bicicleta”, comparou Bienvenido Cordo. Outros momentos de ocio pasábanos nas festas e romerías, alí moceaban e divertíanse, pero dun xeito moi distinto ao actual. “Cando se poñía o sol tiñamos que volver para a casa, e agora a xente aínda sae a esa hora”, explicou o veciño de Cimadevila.

Ademais da infancia, abordáronse na sesión outras anécdotas das traxectorias vitais dos dous avós. Manuel Blanco narrou unha historia que, se ben é real, parece sacada dunha película sobre a realeza. No ano 1962 traballaba na empresa de cruceiros Ybarra cando levou a bordo á familia real case en pleno para o casamento do Rei Juan Carlos I en Grecia, entón aínda co título de Príncipe. Ían os país do noivo, don Juan e dona Mercedes, os seus irmáns e outros moitos invitados. A noite anterior ao enlace con dona Sofía celebrouse na cuberta da propia embarcación a despedida de solteiro do agora Rei Emérito. De toda a xente que viaxara no cruceiro quedaron “só catorce ou quince para a celebración. Escolleron a catro persoas da tripulación para servirlles a cea, entre eles eu”, lembra. Para ser un enlace real, engade, o ágape “foi unha cousa moi normaliña. Lenguado, entrecot, champán e pouco máis”. Manuel aínda garda como ouro en pano unha caixa que lle regalaron aquel día con dúas botellas dentro e serigrafiada co lema “Boda Real” por fóra. Non foi o seu único contacto coa familia do que foi Xefe do Estado durante case 40 anos. “Un panadeiro do barco”, continúa a súa historia, “era moi amigo de seu pai, Don Juan de Borbón. Moitas veces, cando chegabamos ao porto de Lisboa colliamos un taxi para ir velo a Estoril, onde estivo exiliado. O panadeiro leváballe unha rosca e eu un biscoito”. E alí pasaban boa parte do día co que despois foi nomeado Conde de Barcelona ata que “el mesmo nos levaba de volta a Lisboa co seu coche, unha rancheira americana”.