Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

MARÍA BOUZAS SENÍN, VECIÑA DE CERNEIRA, RECIBE AS FELICITACIÓNS DO ALCALDE E DA CONCELLEIRA DE CULTURA NO DÍA NO QUE CUMPRE 101 ANOS

- É a segunda veciña máis lonxeva de Valga, despois de Dolores Gil Núñez de Magariños

- Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, gústalle cantar, reza o Rosario tódolos días e aínda cose algún remendo

08/07/2017

María Bouzas Senín, veciña de Cerneira, na parroquia de Setecoros, está hoxe de aniversario. Cumpre 101 anos, motivo polo que recibiu esta mañá no seu domicilio a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e da concelleira de Cultura, María Carmen Castiñeiras, que lle trasladaron as felicitacións de todo o goberno municipal e agasallárona cun ramo de flores, unha rosca e bombóns. María Bouzas é a segunda veciña máis lonxeva de Valga, despois de Dolores Gil Núñez, de Magariños, que o pasado 30 de xuño cumpriu tamén 101 anos. María Castaño Tarrío, de Cordeiro, completa o trío de mulleres centenarias do municipio, xa que festexará o seu 101 aniversario o vindeiro 7 de agosto.

Cunha filla, dous netos e tres bisnetos, María Bouzas mantense chea de enerxía, vitalidade e humor tras máis dun século de vida. A súa boa memoria permítelle repasar boa parte dos seus periplos vitais, dende que naceu “no ano da fame”, en 1916, ata que deixou de traballar “na forestal” ao cumprir os 66 ou cando moceaba nas ruadas. “Dende que fun moza” e ata non hai moitos anos “nunca faltei á misa un domingo” e aínda hoxe reza o Rosario a diario, conta rodeada pola súa filla, o seu xenro e súa irmá, cos que reside en Cerneira. Durante a xornada de hoxe recibirá a visita do resto da súa familia, cos que apagará as velas e celebrará unha data tan especial.

Durante o verán sae á eira a pasear, sentarse ao sol e cantar, unha das súas afeccións. “Gústanme os cantares de igrexa” e ao entoalos “parece que me pasa todo, danme alegría”, explica. Lembra, ademais, como “antes cantabamos nas veigas, cando íamos á herba ou coas vacas”, unha época moi distinta á actual. Aínda que non é moi amiga da televisión, gústalle ver partidos de fútbol, escoita tódalas semanas os Encontros co Alcalde en Radio Valga e, cando unha das súas netas lle enfía a agulla, ata cose algún que outro remendo.