Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O XURADO DO PREMIO DE INVESTIGACIÓN XESÚS FERRO COUSELO REÚNESE O DÍA 21 DE XULLO

- Presidido polo alcalde, o tribunal estará integrado por Pegerto Saavedra Fernández, Xulio Rodríguez González, Pablo Sánchez Ferro e Marcial Gondar Portasany

- Un total de sete traballos optan ás dúas modalidades do certeme, convocado polo Concello de Valga e que quere promover e incentivar os estudos actuais de investigación

10/07/2017

O xurado do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reúnese o vindeiro día 21 de xullo na Casa do Concello de Valga para deliberar sobre os sete proxectos e traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.

O tribunal, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estará integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Municipal de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará José Ramón Rial Becerra, integrante do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

Os membros do xurado xa teñen no seu poder dende hai semanas as copias dos traballos que concurren ao Premio, para a súa lectura e estudo. Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer na última semana do mes de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. O tribunal, se o considera pertinente, poderá dividir o premio de cada modalidade concedéndollo, como máximo, a dúas obras. Poderá tamén declarar deserto o certame sempre que os traballos non acaden a calidade desexable.

Son tres as propostas doutros tantos autores que optan a gañar a primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron un total de catro propostas. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto. As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e ven sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega. Na edición de 2016, a obra gañadora na primeira modalidade foi “Entre comos, rebolas e dobres varas de medir: Conflitos por medidas na Galicia moderna”, de Rubén Castro Redondo. O xurado elixiu, na segunda modalidade, o proxecto “Noticias sobre as terras e persoeiros de Valga na prensa galega do século XIX”, de Henrique Manuel Neira Pereira.