Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

AS OBRAS PARA PREVIR ASOLAGAMENTOS NA DEVESA COMEZARÁN EN AGOSTO COA LIMPEZA DO RÍO SOUTIÑO

- O subdirector de Augas de Galicia, o alcalde e representantes da empresa adxudicataria visitaron hoxe a zona para planificar os traballos

- O proxecto, para o que a Xunta ten reservada unha partida de máis de 900.000 euros, inclúe tamén melloras no río Valga

12/07/2017

As obras para previr os desbordamentos do río Soutiño ao seu paso pola zona da Devesa comezarán no mes de agosto coa limpeza do cauce do regato. Así llo avanzaron hoxe ao alcalde, José María Bello Maneiro, e ao concelleiro Manuel Ferreiro Maneiro dous representantes da empresa adxudicataria, Ogmios Proyecto S.L., no marco dunha visita ao lugar na que tamén participaron o subdirector de Augas de Galicia, Roberto Arias, e un técnico da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que será o responsable do control da obra. Esta segunda fase de melloras nos ríos Soutiño e Valga pretende poñer fin aos asolagamentos que periódicamente padecen veciños do municipio, sobre todo residentes nas zonas de Campaña e A Devesa e a Xunta de Galicia ten reservada para esta actuación unha partida económica de mais de 900.000 euros, cantidade pola que se sacaron a concurso os traballos.

Na actualidade o entorno do río Soutiño, na Devesa, ata a confluencia co río Valga é unha zona asolagable na que a Xunta de Galicia xa acometeu diversas actuacións de encauzamento para previr desbordamentos. Este proxecto preséntase como a última fase das melloras e o alcalde, José María Bello Maneiro, agarda que sirva para acabar coas inundacións que afectan aos veciños deste entorno. Será nas primeiras semanas do mes de agosto cando operarios de Ogmios Proyecto S.L. comecen cos traballos de limpeza do regato da Devesa, durante os cales o goberno municipal convocará aos propietarios afectados polas obras para manter unha reunión.

Acometeranse obras para encauzar o río Soutiño entre a estrada autonómica PO-548 e a confluencia co río Valga, diferenciándose tres treitos. O primeiro, abarca dende a vía do ferrocarril ata o tramo xa encauzado na anterior fase executada hai anos. No segundo tramo, augas abaixo do anterior e chegando ata a estrada, colocarase un novo marco con capacidade suficiente para a avenida de 100 anos de período de retorno. Por último, o terceiro tramo conlevará o ensanche do cauce na zona ubicada tralas vivendas, onde se construíron muros e galpóns a carón do río, reducindo a anchura do cauce a menos dun metro nalgúns puntos.

O proxecto conlevará tamén melloras no río Valga, se ben o goberno local considera que a situación máis urxente é a da Devesa, onde se producen os meirandes problemas de asolagamentos, polo que se priorizará a parte do proxecto que afecta a esta zona. No tocante ao río Valga, algunhas das actuacións previstas son a prolongación da defensa da marxe esquerda nun tramo duns setenta metros de lonxitude –a marxe dereita xa se atopa encauzada-, a demolición dun azude e a prolongación nuns 155 metros da condución de toma existente que alimenta a un muíño. Por último, tamén está previsto prolongar o encauzamento de gavións nas inmediacións do Parque Irmáns Dios Mosquera, limpando a maleza do cauce e ampliando a canalización augas arriba ata o cruce do río coa estrada de San Miguel. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.

Cabe recordar que, no seu día, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, asinaron un convenio de colaboración para a execución deste proxecto de solución aos problemas de inundacións. As actuacións que se levarán a cabo en base a dito acordo enmárcanse no Plan de Xestión de Riscos de Inudacións elaborado por Augas de Galicia para a demarcación Galicia-Costa.