Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CONCELLO INSTALA EN MINA MERCEDES PANEIS INFORMATIVOS CUNHA SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN

- Dúas mesas expositoras emprazadas nas inmediacións dos pantaláns recollen a historia da lagoa tanto en galego como en castelán

- Este ecosistema de gran valor natural ocupa o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas

12/07/2017

O Concello de Valga dotou ao espazo natural Mina Mercedes de dous paneis informativos financiados cunha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra dentro dunha orde de axudas aos concellos da provincia para a sinalización do patrimonio histórico e cultural.

Na Mina Mercedes instaláronse dúas mesas expositoras cunhas dimensións de 65x70 centímetros e que recollen a historia do lugar tanto en galego como en castelán. Están colocadas nas inmediacións dos pantaláns. Os paneis explican que a lagoa, emprazada no lugar da Torre (Campaña), ten preto de catro hectáreas de superficie e ocupa o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción nas fábricas próximas. Ao rematar esta actividade, nos anos 90 do século pasado, as augas subterráneas e a chuvia comezaron a asolagar a superficie escavada ata configurar o seu aspecto actual. Ao redor da lagoa acondicionouse un paseo circundante de case 900 metros, con arborado, iluminación, áreas de lecer e miradoiros.

Co paso do tempo formouse un ecosistema de grande valor natural. As comunidades vexetais que colonizan as marxes da lagoa distribúense en función das súas esixencias hídricas. A liña de árbores está composta fundamentalmente por salgueiros, amieiros e freixos, mentras que, en contacto directo coa auga, medran vistosas prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat establécese de maneira temporal ou permanente unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos, gansos e cisnes.

A lagoa converteuse, ademais, nun couto de pesca sen morte no que se captura como especie principal a troita arco da vella, para o que se poden utilizar únicamente moscas artificia e culleriña cun só anzol e sen arponciño. A Cámara Oficial Mineira de Galicia considera que Mina Mercedes é un magnífico exemplo de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade.