Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

A AXENCIA GALEGA DO SANGUE DESPRAZA UNHA UNIDADE DE DOAZÓN A VALGA O VINDEIRO 20 DE XULLO

- O autobús estará emprazado diante do Concello entre as 10 e as 14 horas e en Cordeiro, xunto ao Auditorio, das catro ás nove da tarde

- Solicítase a máxima colaboración e solidariedade dos veciños, xa que o verán é unha das épocas de máis dificultade para acadar doazóns

13/07/2017

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, dependente da Consellería de Sanidade, deprazará o vindeiro día 20 de xullo a Valga unha unidade móbil de doazón dentro da súa campaña de verán “Súmate, doa sangue”. O autobús estará emprazado en Pontevalga, diante do Concello, de 10 a 14 horas e pola tarde trasladarase a Cordeiro, xunto ao Auditorio Municipal, entre as 16 e as 21 horas.

Poden acudir as persoas maiores de 18 anos (se cumpren 65 poden doar co permiso do seu médico), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. Non deben acudir sen almorzar e despois de xantar teñen que deixar pasar dúas horas, sen esquecer levar a tarxeta de doador, DNI ou documento similar e un informe médico no caso de estar tomando algún medicamento.  Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista e un exame básico para preservar a saúde do doador e protexer ao futuro receptor dos compoñentes sanguíneos. Os homes poden doar un máximo de catro veces ao ano e as mulleres tres, deixando pasar entre cada unha delas un mínimo de dous meses.

Tanto a Axencia Galega de Sangue como o Concello, que colabora nesta acción, solicitan aos veciños do municipio a maior colaboración e solidariedade, tendo en conta que o verán é unha das épocas de maior dificultade para acadar as doazóns que precisan os enfermos. Por este motivo, se impulsan iniciativas para sensibilizar sobre a importancia deste acto altruísta e tratar de garantir unha participación axeitada para cubrir as necesidades dos hospitais galegos, que atenden cada día unha media de 2.700 urxencias, máis de 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos. O obxectivo é acadar as 100.000 doazóns cada mes, cifra que precisan os hospitais para atender a todos os enfermos. Ademáis, incídese na concienciación dun grupo especial de doadores universais, con sangue cero negativo, que son apenas 7 de cada 100.

A Organización Mundial da Saúde recomenda unha taxa de doazón de entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes. En Galicia as doazóns de sague acadaron no ano 2016 as 111.276, o que representa 41 por cada 1.000 habitantes. Durante o ano pasado, en Valga rexistrouse unha taxa de 39 doazóns por 1.000 habitantes, moi preto do recomendado pola OMS, de aí que se impulsen campañas como a do vindeiro día 20. A Axencia Galega de Sangue incide en que “os enfermos non toman vacacións” no verán e “moitas persoas dependen da nosa solidariedade para recuperar a súa saúde”.

Neste sentido, hai que ter en conta que de cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes, glóbulos vermellos, plasma e plaquetas, que adoitan utilizarse por separado, de maneira que unha doazón pode beneficiar a máis dun paciente. Enfermos que se teñen que operar, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro ou leucemia ou se teñen que someter a transplantes de órganos son os principais receptores das doazóns. Unha intervención cirúrxica pode precisar dúas bolsas de glóbulos vermellos e nalgúns accidentes de tráfico e transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan dez ou vinte persoas.