Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

“O CONSELLO QUE LLE DOU AOS MEUS ALUMNOS É QUE NUNCA DEIXEN DE SOÑAR”

- Martin Schippers, músico da orquestra máis recoñecida de Holanda, é un dos mestres que imparte a III Masterclass de Trombón e Trompeta xunto a Omar Tomasoni

- No curso participan 26 estudantes de distintos lugares de Galicia e de España que mañá ás 21 horas ofrecen un concerto no Auditorio Municipal

13/07/2017

Dende o pasado martes e ata mañá venres impártese no Auditorio de Valga a III Masterclass de Trombón e Trompeta organizada pola Escola de Música Municipal e o Concello e na que participan un total de 26 alumnos do municipio, do resto de Galicia e doutros lugares de España como Cádiz ou León. O público poderá gozar da súa música nun concerto programado para mañá ás 21 horas e poderá visitar, tamén no Auditorio, unha exposición de instrumentos e accesorios cedidos por Gallery Trumpets.

Omar Tomasoni (trompeta) e Martin Schippers (trombón) son os profesores do curso, ambos membros da Royal Concertgebouw Orchestra, a orquestra sinfónica máis coñecida e respetada de Holanda. Schippers (Enschede, 1982) é dende 2009 trombón tenor-baixo da Royal Concertgebouw, así como fundador do International Trombone Ensemble e do New Trombone Collective. Destaca pola súa versatilidade tocanto múltiples instrumentos e, ao longo da súa carreira, actuou unas grandes salas e festivais internacionais e baixo a batuta dalgúns dos mellores directores. Nos últimos anos xa exerceu de mestre en varias actividades organizadas pola Escola de Música de Valga, da que destaca o seu bo sistema e alto nivel.

Cales son os contidos desta Masterclass?

Trátase dun curso moi variado no que se imparten clases individuais con cada estudante, moi importantes para eles, e tamén clases de ensemble co coro de trombóns para preparar as pezas do concerto de mañá. É moi importante que os alumnos toquen xuntos para aprender a escoitarse os uns aos outros e para gozar do pracer de facer música. Por outra parte, a Masterclass inclúe tamén sesións de sección orquestral, que é algo pouco habitual na maioría de cursiños.

Como valora o nivel dos instrumentistas en Galicia e, en xeral, en toda España?

O 95% dos participantes na Masterclass son de Galicia, unha rexión cunha gran cultura de instrumentistas de metal e vento. Simplemente vendo o número de concertos que ofrecen as bandas durante o verán xa un se percata da cultura musical desta zona. España, en xeral, tamén destaca por contar con moi bos músicos de trombón e moitos instrumentistas de vento, precisamente pola proliferación de bandas á que me refería antes. Hai un nivel moi alto nos conservatorios, grandes profesores e sistemas moi bos nas escolas de Música.

Cal é o papel que desempeña o trombón no conxunto dunha orquestra?

Non é un instrumento que destaque polo seu rol de solista nunha orquestra, se ben é unha base fundamental da harmonía, ao igual que os contrabaixos ou os chelos. O trombón sempre aparece na parte importante e, ademais, é un instrumento moi bonito porque se asemella moito á voz humana. De aí que as miñas clases estean moi conectadas co canto, precisamente, para que se vexan as similitudes entre o son do trombón e a voz.

Que consellos lles daría aos seus alumnos para que consigan chegar alto no mundo da música?

A recomendación principal é que nunca deixen de soñar. Non é sinxelo chegar arriba, sempre hai altos e baixos, sempre hai erros, pero o importante é aprender deles. Non me gusta marcar metas concretas, senón continuar mellorando independentemente do nivel no que un se atope.

Que importancia ten o talento nesta profesión?

Coñezo a xente moi talentosa que nunca chegou alto na profesión, porque tamén é importante o traballo duro. Unha cousa non pode existir sen a outra, é necesaria unha combinación de ambas.

Máis fotos da Masterclass de Trombón e Trompeta: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.154064681808660.1073741880.131969484018180&type=1&l=219073c096