Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

OS NENOS DA ESCOLA DE VERÁN VISITAN A PRAIA FLUVIAL DE VILARELLO E A LAGOA MINA MERCEDES

- O grupo do Auditorio, o máis numeroso con 54 rapaces, realizou esta semana debuxos sobre igualdade para a exposición Infancia Crea

- Na Casa de Cultura de Valga participaron en xogos grupais para coñecerse, leron contos na biblioteca e fixeron manualidades vencelladas á natureza

14/07/2017

A Escola de Verán gratuíta que o Concello de Valga organiza para favorecer a conciliación familiar e laboral durante o período de vacacións cumpre a súa primeira semana de actividade dende a súa posta en marcha o pasado luns. Nestes días, os máis de 80 nenos inscritos tiveron tempo de coñecerse entre eles e a os seus monitores cunha chea de xogos e actividades lúdicas e educativas tanto no Auditorio de Cordeiro, onde se reúne o grupo máis numeroso integrado por 54 rapaces, como na Casa de Cultura de Valga, na que se dan cita polas mañás máis dunha trintena de nenos de entre 5 e 14 anos de idade.

Os dous grupos comezaron a semana con dinámicas grupais e xogos colectivos para facilitar que os rapaces se coñecesen e celebraron tamén sesións de cine infantil. En Cordeiro realizaron nos últimos días manualidades e debuxos sobre igualdade que formarán parte da exposición Infancia Crea, que poderá verse no Auditorio Municipal. Tamén dentro do programa de concienciación para a igualdade, aprenderon unha canción titulada “Todos somos iguais¨.

O mércores inauguraron as rutas turísticas “Valga a pé” cunha camiñata ata a praia fluvial de Vilarello, acompañados por efectivos de Protección Civil, os seus monitores e tamén usuarios do CODI. Na praia aproveitaron as zonas de sombra para repoñer forzas coa súa merenda saudable e despois foron ao parque infantil e xogaron ao fútbol. Algúns nenos ata refrescaron e mollaron os pés na beira da auga.

Tanto o xoves coma hoxe, as mañás no Auditorio estiveron adicadas a actividades de cifras e letras e xogos na rede. Esta mañá, ademais, os nenos que exerceron de axentes verdes durante toda a semana e que se encargaron dos xoguetes e da recollida de lixo recibiron unhas pinturas como agasallo.

No tocante ao grupo da Casa da Cultura de Valga, adicaron tamén o luns a dinámicas de grupo. O martes participaron na “Hora do conto”, unha actividade organizada en colaboración coas bibliotecas municipais e que quere incentivar a lectura durante o verán. Durante a semana tiveron tempo para xogar no Parque Irmáns Dios Mosquera e realizar manualidades vencelladas á natureza. Cada neno elaborou un lagarto ou mariposas de cartulina e papel que despois decoraron con purpurina.

Esta mañá saíron de excursión ata a Mina Mercedes. Percorreron a pé arredor de seis quilómetros entre os traxectos de ida e volta e na lagoa déronlle de comer pan aos cisnes e aos patos, gozaron coas vistas desta antiga mina de arxila dende os pantaláns e aproveitaron as as mesas das área de lecer para tomar a merenda.

A Escola de Verán ten programadas para as vindeiras semanas actividades como contacontos pola igualdade, os obradoiros Pequenos Chefs ou Graffiti pola Igualdade, seguridade con Protección Civil, A ciencia é divertida, As cousas pequenas contan, Contos co pintor Miró e o fotorroteiro “Rincóns de Valga”. As actividades lévanse a cabo de luns a venres en horario de 10 a 13 horas, un tempo no que dez monitores e un grupo de voluntarios están ao coidado dos nenos.

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.154422455106216.1073741882.131969484018180&type=1&l=a133777377