Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

VINTE E CATRO EQUIPOS COMPITEN DESDE HOXE NO SÉTIMO TORNEO DE FÚTBOL SALA DE VALGA

- Participantes de Valga, Vigo, Pontevedra, Boiro, Cuntis, Caldas, Portas e Padrón dispútanse a vitoria no pavillón municipal de Baño

- O Concello colabora na actividade, que reparte máis de 1.000 euros en premios entre os tres primeiros clasificados

14/07/2017

Un total de 24 equipos participan desde hoxe na sétima edición do Torneo de Fútbol Sala de Valga, unha competición que se prolongará ata a tarde do domingo no pavillón municipal de Baño. Baixo a organización do Club Fútbol Sala Valga e coa colaboración do Concello, os encontros da fase de grupos deron comezo ás 20 horas de hoxe e continúan ata a 1:30 da madrugada, aproximadamente.

Mañá ás oito da mañá retómase o torneo e está previsto que arredor das 20 horas remate a fase de grupos e pasen a disputarse os cuartos de final. As semifinais e a final celébranse o domingo a partir das cinco da tarde. Para a xornada de clausura, ademais, están programados un partido feminino e outro infantil, este último coa participación de dous equipos do municipio, o Furia e o Cordeiro.

Son sete os equipos de Valga que participan na competición, que conta ademais con inscritos de Vigo, Pontevedra, Boiro, Cuntis, Caldas de Reis, Portas e Padrón. O conxunto gañador recibirá un premio de 700 euros, o segundo clasificado 250 euros e o terceiro 100 euros, acompañadas estas gratificacións con trofeos. Tamén haberá distincións para o máximo goleador do torneo, o porteiro menos goleado e o mellor xogador.