Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O GRUPO DE EMERXENCIAS DE VALGA RETIRA NUNHA SEMANA SETE NIÑOS DE VESPA VELUTINA

- Dous foron detectados no municipio, en Xanza e Ferreirós, e os outros cinco en Pontecesures, Abalo e Dimo

- Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, en Valga téñense eliminado no que vai de ano entre 26 e 100 niños desta especie

15/07/2017

O Grupo de Emerxencias de Valga retirou durante esta semana sete niños de vespa velutina tanto no municipio como noutras vilas da contorna. En concreto, os niños foron detectados en Xanza, Ferreirós, Abalo (Catoira), San Xulián (Pontecesures) e tres na parroquia catoirense de Dimo.

O procedemento para a súa retirada que emprega o Grupo de Emerxencias conleva, ademais do uso de traxes apropiados, a utilización de pértega se o niño se atopa a moita altura. Inxectan un produto que mata as vespas para, posteriormente, poder eliminar o niño sen riscos. Se este se localiza a pouca altura aplícaselle un spray que ten un alcance aproximado de catro metros. Tanto unha como outra operación adoitan realizalas durante a noite, cando as vespas están dentro do niño, para que sexan máis efectivas. Só se levan a cabo retiradas durante o día se existe perigo ou, por exemplo, o niño se atopa nos arredores dun colexio ou centro de saúde.

A presencia de vespa velutina en Galicia increméntase no verán, dado que fan os seus niños primarios na primavera e a especie é máis frecuente nas zonas de costa que no interior. Cada raíña pode incubar entre 1.300 e 1.500 exemplares.

Se algunha persoa detecta un niño de velutina o recomendable, segundo explica o responsable do Grupo de Emerxencias de Valga, é chamar ao 112 ou ao 012, alertar á Policía Local ou avisar ao Concello en lugar de intentar retiralo cos seus propios medios. A intervención dun grupo de emerxencias garantiza un maior control da especie, xa que a súa localización é posta en coñecemento da Xunta de Galicia para incorporala ao Programa de Vixiancia e Control da Vespa Velutina en Galicia. Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, dende comezos do ano 2017 e ata mediados do mes de xuño téñense detectado en Valga entre 26 e 100 niños desta especie.