Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O ALCALDE E NAVA CASTRO INAUGURAN O BELÉN ARTESANAL ENTRE UNHA ENORME AFLUENCIA DE PÚBLICO

- Trinta e tres veciños traballaron durante máis de dous meses na montaxe do nacemento, que suma case 4.500 figuras

- Pode visitarse ata o día 7 de xaneiro, de luns a sábado polas tardes e os domingos e festivos mañá e tarde

03/12/2017

A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcade de Valga, José María Bello Maneiro, deron por inaugurada esta tarde unha nova edición do Belén Artesanal en Movemento no que traballaron trinta e tres persoas durante máis de dous meses. O acto, presentado por Héctor Bermúdez e seguido por un gran número de visitantes tanto dentro como fóra do local, contou tamén coa participación do párroco de Campaña, Manuel Míguez, que bendiciu a montaxe, integrada por arredor de 4.500 figuras dispostas nunha superficie de 400 metros cadrados. Tamén asistiron a esta xornada inaugural o resto de concelleiros da Corporación local, a diputada autonómica Maribel Novo, o empresario Andrés Quintá e o ex alcalde Daniel Barreiro.

A afluencia de público durante a tarde foi enorme. Pouco despois das catro da tarde xa había persoas ás portas do local agardando para ser uns dos primeiros en ver o Belén e descubrir as novidades que se agochaban tralas portas. Familias ao completo, moitos nenos, maiores, xente de Valga e chegada dende outros municipios en coche ou en autobuses. Ninguén quixo perder a estrea do nacemento máis famoso de Galicia.

Trens de pasaxeiros e mercadorías coas súas correspondentes estacións que percorren toda a montaxe, os independentistas cataláns –dende os que fuxiron a Bruxelas como ata os que están no cárcere-, Roberto Vilar e súa nai coa tortilla entrevistando a Julio Iglesias, a “cobra” entre Chenoa e Bisbal, os incendios forestais que asolaron os montes galegos este verán, José Coronado e Álex González durante a súa rodaxe en Arousa, Manel Navarro na súa participación en Eurovisión, o clásico do fútbol Real Madrid-Barça dirixido polo único trío arbitral galego de Primeira División, do que forma parte o valgués Alfonso Costoya, o enfrontamento nuclear entre Donald Trump e o líder norcoreano Kim Jong-un, a entrega de premios do concurso “Tapa á Anguía” que se celebra cada verán en Valga ou a presentación do himno municipal son só algunhas das novas escenas coas que conta o Belén Artesanal en Movemento. Engadíronse aproximadamente 200 novas figuras feitas con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. Tamén se incorporaron novas edificacións, construídas na súa meirande parte con estrutura de madeira e algunhas recubertas de pedra. É, en definitiva, un particular resumo dos acontecementos máis sonados do último ano a nivel local, nacional e internacional.

Ademais, o Belén estrea nesta edicion un sistema de climatización financiado por Turismo de Galicia. A esta mellora referíronse tanto Nava Castro como o alcalde no acto de inauguración. José María Bello Maneiro agredeceu a este organismo da Xunta e á súa directora, unha entusiasta do Belén de Valga, a aportación de 45.000 euros para financiar a climatización.  Nun tono máis distendido, Nava Castro dixo que “me gustou poder sacar o abrigo e contar cunha temperatura agradable” e puxo esta actuación como exemplo de que a Xunta e Turismo de Galicia “apoiamos todo o que paga a pena poñer en valor”. Grazas ao colectivo Amigos do Belén a aos seus integrantes “toda Galicia e o resto de España pode disfrutar deste Belén, declarado de interese turístico de Galicia, un nacemento que nos enche de orgullo e que dá o pistoletazo de saída ás festas de Nadal” na nosa comunidade, engadiu. O alcalde tamén aludiu aos “verdadeiros artífices” do Belén, os veciños que traballan incansable e desinteresadamente “para que todos poidamos disfrutar”. Ademais, para Valga e para o seu goberno “é unha enorme satisfacción que tantísimos turistas veñan aos noso municipio expresamente a ver o Belén”, que se ten erixido no principal recurso turístico da vila.

O Belén de Valga ten como principal peculiaridade a conxugación de escenas propias das festas de Nadal e vencelladas ao Nacemento de Xesús con tradicións locais e mostras da cultura popular do rural de Galicia como a matanza ou a sega e malla do trigo. A insto engándese figuras ilustres como Rosalía de Castro ou Xesús Ferro Couselo, personaxes famosos e a recreación de acontecementos de ámbito local, nacional e muldial que fan deste un nacemento único. E todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas figuras de escenas de movemento co emprego de motores de limpiaparabrisas, cepillos de dentes e outros utensilios eléctricos.

Permanecerá aberto ao público de xeito gratuíto ata o domingo 7 de xaneiro, entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do número de teléfono 630 95 25 15.

Máis fotos: https://www.facebook.com/pg/ConcellodeValga/photos/?tab=album&album_id=195908284290966