Concello de Valga
Avda. da Coruña, 14. 36645 Valga (Pontevedra) concello.valga@eidolocal.es Tlf. 986 559456 Fax. 986 559455

Detalles da novidade

O CODI CELEBRA O DÍA DAS FAMILIAS CON ACTUACIÓNS DOS USUARIOS E A LECTURA DUN MANIFESTO EN FAVOR DA INCLUSIÓN DOS DISCAPACITADOS

- A xornada enmarcouse dentro da programación da Semana da Discapacidade, que remata mañá cunha visita ao Belén Artesanal e a proxección dunha película

- A proposta de orzamentos que hoxe se vota no Pleno recolle a financiación íntegra deste centro por parte do Concello toda vez que a Deputación lle retirou as axudas

04/12/2017

O Centro Ocupacional para persoas con discapacidade de Valga celebrou hoxe o Día das Familias con actividades culturais e lúdicas nas que participaron tanto os usuarios como os seus achegados.

A festa comezou cunha recepción e un almorzo que estivo amenizado polos propios usuarios, que cantaron as cancións A Carolina, A Rianxeira e O Galo co acompañamento musical do profesor da Escola Municipal de Música Antonio Bravo, que imparte todas as semanas no CODI un obradoiro de musicoterapia. Tamén participou na actuación o director da Escola de Música, Manuel Villar. Como público, ademais dos familiares dos usuarios, estiveron o persoal do CODI, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro. O rexedor animou aos usuarios a actuar no Auditorio Municipal o vindeiro día 30 de decembro, cando se celebra o concerto de fin de ano coa participación das distintas agrupacións da Escola Municipal de Música e a Coral Polifónica Santa Comba.

Durante a mañá, os asistentes puideron contemplar a exposición de arte floral e centros de mesa de Nadal integrada por traballos realizados polos usuarios no curso de arte floral que, baixo a organización da asociación Asdivalu, se impartiu  nos últimos meses no CODI. Expúxose tamén un mural con fotografías dalgunhas das actividades realizadas no centro durante o ano que está a piques de rematar.

As actuacións continuaron cunha representación teatral da obra “O frautista de Hamelin” por parte dos usuarios e do profesor da Escola Municipal de Teatro, Manuel Solla Barragáns. Unha alcaldesa e o seu concelleiro, un pintor, un voluntario de Protección Civil, unha limpadora, o frautista, as ratas e nenos foron os personaxes nos que se converteron durante uns minutos.

Para rematar o Día das Familias, unha das usuarias do CODI deu lectura a un manifesto en favor dos dereitos das persoas con discapacidade, un texto que tamén se emitiu na radio municipal. “Vivimos nunha sociedade non sempre xusta e integradora, que ás veces nos exclúe e nos evita. Pero isto non nos frena para seguir loitando porque vivimos para ter as mesmas oportunidades, para integrarnos plenamente, para poder chegar a traballar, para que se nos entenda e se nos respete. Vivimos para ser felices. Non pedimos nin queremos compaixón, pedimos igualdade e que non se nos discrimine por ter unhas capacidades diferentes”, rezaba o texto con motivo do Día Internacional da Discapacidade que se conmemorou onte domingo.

Para rematar a xornada, os usuarios agasallaron aos seus familiares con centros de Nadal e o alcalde dirixiulles unhas palabras nas que lembrou que, dende o ano 2016, cando a Deputación lle retirou as axudas ao CODI é o Concello o que financia íntegramente a actividade e mantemento do centro. Así volverá a ser no vindeiro ano 2018. “Esta tarde o Pleno vota os orzamentos para o próximo ano, no que de novo vai ser o departamento de Servizos Sociais do Concello o que financie de xeito íntegro o CODI”, remarcou.

O Día das Familias enmarcouse dentro das actividades da Semana da Discapacidade, que se pecha mañá cunha visita ao Belén Artesanal e a proxección dunha película.

Máis fotos: https://www.facebook.com/media/set/?set=a.196094227605705.1073741936.131969484018180&type=1&l=9d67ec21a2